O Concello de Bueu recibe a aprobación do proxecto modificado das obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río

Publicado por o día 17/09/2018 na sección de Galicia,Bueu

O Concello de Bueu recibe a aprobación do proxecto modificado das obras de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río

Estimo que o proxecto modificado de referencia é coherente coa solución proposta de intervención autorizada no seu día pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os cambios introducidos, xustificados e coherentes cos valores culturais existentes non presentan problemas conceptuais que impidan a súa autorización. Estes cambios non supoñen alteracións ou variacións substanciais que afecten aos valores culturais protexidos. Por todo isto, informo favorablemente o proxecto modificado de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río e estimo que non existe ningún inconveniente no eido da salvagarda do patrimonio cultural para a súa autorización”.

Así conclúe a autorización recibida esta semana no Concello de Bueu en relación coa aprobación do proxecto modificado das obras do Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como Purro, e que constitúe un dos sinais de identidade desta vila mariñeira e que conta coa característica de ser a única carpintería da Ría de Pontevedra que se conserva. Ante esta boa nova, Félix Juncal, alcalde da vila, mostrou a súa absoluta satisfacción, porque “isto demostra que a execución do proxecto que se están levando a cabo nos últimos meses por parte da empresa Coviastec SL baixo a dirección facultativa do arquitecto municipal cumpriu con todas as esixencias establecidas e refrendadas agora con esta autorización ditaminada no Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Pontevedra”. Segundo continúa o rexedor, “esta autorización vén a corroborar a veracidade da información que desde o goberno municipal fomos trasladando á opinión pública, e a pesares de que os ‘grupos do NON’ (PSOE, ACB-SON e PP) tentaron cuestionar este traballo”. Unha actuación, a dos grupos da oposición, que Juncal define como “habitual ao longo destes anos, na que se deixa entrever a súa reacción de pánico ao comprobar que o goberno segue cumprindo cos compromisos diante do pobo de Bueu”.

A rehabilitación da carpintería de ribeira sempre formou parte dos compromisos e prioridades do grupo municipal do BNG, e por iso se destinaron os recursos necesarios para redactar un proxecto que permitise a súa conservación e rehabilitación, así como para levar a cabo os traballos contemplados no citado proxecto.

O rexedor lembra que, tras esta primeira fase que contou coa subvención da Deputación a través do Plan Concellos 2016, agora toca “culminar esta fermosa intervención coa realización da segunda fase, que consiste esencialmente na musealización”. Iso si, cómpre salientar que a máxima do goberno local sempre foi a preocupación pola seguridade das instalacións.

Así mesmo, o alcalde insiste en que “gustaríanos que os que publicamente cuestionaron o proceder do Concello, con acusacións de que a obra era un disparate recoñecesen que estaban equivocados”, e que de “non facelo, entenderiamos que obraban de mala fe, ou dito doutra forma, aplicando unha campaña de intoxicación por motivos electorais”. Concretamente, lémbrase unha información na que o PSOE de Bueu anunciou a presentación dunha denuncia perante Patrimonio por “non respectar a singularidade deste ben”.

Aprobación modificado Estaleiro Banda do Río