O Concello de Nigrán arranca o ano estreando o programa ‘xantar na casa’ co primeiro reparto de comida a domicilio para maiores e dependientes

“É un día moi importante para Nigrán porque damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable facilitando tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor
Publicado por o día 10/01/2021 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán arranca o ano estreando o programa ‘xantar na casa’ co primeiro reparto de comida a domicilio para maiores e dependientes

O Concello de Nigrán estrea o ano coa posta en marcha desde hoxe mesmo do programa ‘Xantar na Casa’, un servizo de comida a domicilio destinado a garantir unha alimentación saudable a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en risco de exclusión social , sendo o primeiro municipio na comarca do Val Miñor en participar neste programa conxunto co Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e Benestar. En Nigrán arrancou hoxe con 10 usuarios das parroquias de Chandebrito (3), Panxón (2), Priegue (2), Parada (1) e Nigrán (2), sendo 9 deles anciáns dependentes e unha persoa discapacitada con problemas de mobilidade.

“É un día moi importante para Nigrán porque damos un paso máis no noso proxecto ‘Un Nigrán para todos’ , neste caso dirixido á facilitar a automonía persoal ao tempo que garantimos unha alimentación saudable facilitando tamén a conciliación das familias coidadoras”, resume o rexedor, quen agarda que o número de beneficiarios vaia incrementándose. Así, un día á semana (os venres no caso de Nigrán) reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre), tendo un custe simbólico para o beneficiario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €).

“Os meus avós son maiores e viven sós, ela era quen cociñaba pero cada vez con maior dificultade, xa que non ten case sensibilidade nas mans, o que tamén resultaba un perigo porque se pode queimar sen darse conta”, explica o neto de Rosa e Manuel, un matrimonio de Chandebrito que se mostraba hoxe encantado coa comida. “Está boísima, máis non podemos pedir, isto é marabilloso para nos”, dicía Manuel mentres comía dous platos de mostra e falaba coa técnica. “Para nos é unha axuda enorme, o noso pais vive só e unha irmá se ocupaba de cociñar e traerlle a comida de toda a semana, isto é un respiro, facilita a conciliación moitísimo”, explica a filla de Rafael, outro usuario de Chandebrito. “Moitos maiores que viven sos, especialmente do rural, non teñen a capacidade de ir a mercar os alimentos e poñerse despois a cociñar e, ademais, desexan manter a independencia de vivir nos seus propios fogares, este programa é dunha gran axuda”, engade Bibiana Peixoto, edil de Asuntos Sociais, quen subliña ademais o escasísimo custe económico que supón para o beneficiario.

Os menús son completos e equilibrados, correctamente condimentados e cunha boa presentación, variados e adaptables ás necesidades das persoas beneficiarias, os seus gustos e hábitos, así como á gastronomía local e á época do ano (trátase dunha dieta basal de 630-840 Kcal., o que supón o 35% do volume enerxético diario total, que no caso dos anciáns oscila entre 1.800 e 2.400 Kcal). Desde ‘Xantar na Casa’ procuran especialmente o uso de produtos de orixe, elaboración ou transformación galega .

Ademais, ao comezo do servizo comprobouse que as persoas beneficiarias dispoñían de microondas, frigorífico, enxoval e calquera elemento preciso para a preparación e inxesta dos xantares porque no caso de carecer de electrodomésticos póñense a súa disposición en réxime de depósito.

Desde unha perspectiva integral, ‘Xantar na Casa’ pode complementar ao servizo de axuda o fogar permitindo manter ao máximo a propia capacidade de independencia e autonomía e posibilitando a permanencia nos seus propios fogares nunhas condicións aceptables, evitando o desarraigo ou retardando posibles institucionalizacións.