O Concello de Nigrán realizará desde este venres 29 de xaneiro unha nova campaña para promover os pedidos a domicilio na hostalería do municipio tras as novas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia que supoñen o peche deste sector, permitindo só a comida para levar. A localidade repetirá o modelo que levou a cabo durante o peche de novembro, asumindo novamente as custas do reparto a domicilio mediante a contratación propia do servizo no termo municipal e ampliándoo aos 7 días da semana (anteriormente era de luns a sábado).
Os negocios interesados en figurar na guía que recompile todos os locais que fan envíos e/ou en contar co servizo de reparto gratuíto do Concello de Nigrán deberán enviar antes deste xoves 28 de xaneiro ás 23:00 horas un correo electrónico a comunicación@nigran.org indicando os seus datos básicos -nome do negocio, especialidade, onde ver a carta e teléfono para pedidos-. A guía distribuirase desde este mesmo venres a través de redes sociais e cartelería.
“Este é un golpe moi duro para os negocios de Nigrán, que por terceira vez en pouco tempo afrontan o peche, por iso temos que ser conscientes da situación e apoialos facendo pedidos a domicilio. Cada un de nós ten a posibilidade de axudalos, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por iso agora”, indica o alcalde Juan González, quen anunciou a semana pasada unha segunda liña de axudas directas ao sector (esta nova convocatoria, na que xa se está a traballar para poder levar as bases ao pleno de Marzo, súmase á actualmente en vigor por importe total de 120.000 € con cargo ao Remanente de Tesourería e cuxo prazo de solicitude remata o 17 de febreiro). A maiores, o propio rexedor confirma que manterá neste ano a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitido por lei) e, adicionalmente, continuará co plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade e animar a programación cultural de Nigrán, especialmente durante o verán ou en festividades.
“Segundo a pandemia evolucione o Concello irá tomando as decisións correspondentes, enfocadas todas a salvar o comercio local”, explica González, quen avanza que o Concello continuará coa súa campaña para promover as compras de proximidade no pequeno comercio “como estilo de vida, non como solución transitoria mentres dure a pandemia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.