O Concello de Ribadumia acolle a exposición Sorrisos Transformadores

A exposición será trasladada novamente o venres 15 ao Auditorio de Ribadumia onde representarase a obra teatral “Elisa e Marcela”
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia acolle a exposición Sorrisos Transformadores

O Concello de Ribadumia informa de que, a partir deste luns e ata o vindeiro 15 de xuño, a exposición Sorrisos Transformadores estará aberta ao público dentro da Casa Consistorial, no marco das actividades previstas para celebrar o Mes da Diversidade en Ribadumia.

Tras ser inaugurada o pasado martes, 5 de xuño, no CPI Julia Becerra Malvar, a mostra fotográfica “Sorrisos Transformadores” será exposta durante unha semana nas instalacións do Concello, para que todos os veciños e veciñas que o desexen poidan achegarse a vela.

A fotógrafa Noemí Chantada recolle nesta serie imaxes baixo o lema “Respecta-defende-sensibiliza-iguala-vive-e deixa vivir”. Un proxecto que busca a visibilización, sensibilización e naturalización do colectivo trans, para promover a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e el dereito a ser diferentes.

A exposición será trasladada novamente o venres 15, nesta ocasión ao Auditorio de Ribadumia, onde terá lugar a representación da obra teatral “Elisa e Marcela”, a cargo da compañía “A panadería teatro”. Para asistir, os interesados poden mercar xa as súas entradas nos Servizos Sociais do Concello, na Biblioteca Municipal ou na cervexería O Encontro, por 7€. Tamén poderán ser adquiridas no propio Auditorio o mesmo día da función, ata completar o aforo. A representación terá lugar a partir das 21:00 horas.

Todas estas actividades forman parte do Mes da Diversidade que, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBT, se está celebrando en Ribadumia.