O Concello de Vigo insta a administración autonómica a cumprir coas súas obriga e transferir 5,5 millóns de euros para arranxar as instalacións supramunicipais de Balaídos

Publicado por o día 09/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

En relación á información feita pública onte pola Xunta de Galicia de realizar un módulo de atletismo na ampliación do IFEVI, o Concello de Vigo insta a administración autonómica a cumprir coas súas obriga e transferir 5,5 millóns de euros para arranxar as instalacións supramunicipais de Balaídos.

O presidente da Xunta de Galicia ten paralizada esta inversión desde hai doce anos, xa que foi comprometida polo goberno de Emilio Pérez Touriño, e non foi executada ata o de agora porque o señor Núñez Feijóo non quere adicar eses recursos á cidade. O presidente da Xunta segue a furtarlle aos vigueses 5,5 millóns de euros das instalacións deportivas de Balaídos. O Concello descoñece este proxecto provisional, dado que non foi informado pola Xunta de Galicia, ao igual que o descoñecen tamén os membros do Padroado do IFEVI que dependen do Concello. Estamos de novo ante o agravio xa habitual da Xunta de Galicia de furtarlle aos, vigueses os seus dereitos e de non investir en Vigo, neste caso ocultando a información e con total escurantismo. Esta proposta, coñecida a través dos medios de comunicación, pretende esconder que non queren levar adiante a instalación definitiva en Balaídos aínda que non pode ser valorada en profundidade pola falta de información, pese a que pretende levarse adiante en solo municipal.

Da información recibida a través dos medios infírese a pretensión de construír unha instalación provisional e desmontable que, de ser definitiva, pareceríanos inadmisible. En todo caso, se a opción é esa, a Xunta de Galicia podería alugar xa o pavillón 3 do IFEVI e iniciar de inmediato a instalación destas pistas, facéndoas compatibles coa actividade comercial dado que o recinto feiral acolle feiras internacionais de recoñecido prestixio. Como ben sabe a Xunta de Galicia dito pavillón mide 135 x 59 metros polo que poderían alugalo de inmediato dado que se adaptaría perfectamente a esta situación provisional. Sorpréndenos esta proposta porque para isto non necesitaban esperar; se o que pretenden é alugar unha nave xa poderían telo feito hai 10 anos. A busca de solucións definitivas para as pistas supramunicipais de Balaídos contará sempre co apoio do Concello de Vigo pero en ningún caso renunciaremos aos 5,5 millóns de euros que Feijóo lle adeuda á cidade porque o que é evidente é que as instalacións definitivas deben emprazarse nas pistas deportivas de Balaídos. En calquera caso, o Concello non emitirá unha opinión definitiva ata coñecer o proxecto na súa totalidade aínda que nos tememos que estamos ante un novo intento da Xunta de Galicia de aforrar 5,5 millóns de euros.

O Concello de Vigo quere manifestar tamén que non tolerará, en ningún caso, que este proxecto atrase nin un solo día a ampliación do IFEVI, imprescindible para a celebración da próxima edición de Conxemar.