O Concello reitera a súa petición de coñecer o proxecto modificado de ampliación do Ifevi

O alcalde reiterou esta mañá que o Concello segue sen coñecer o proxecto modificado de ampliación do recinto feiral que prevé executar a Xunta e que, segundo vén de anunciar, inclúe un módulo deportivo. A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, enviou unha carta á Consellería de Economía reclamando o proxecto definitivo para comprobar que se cumpre a normativa xa que a expropiación podería correr perigo ao realizarse en base a uns fins que agora poderían verse mudados.
Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello reitera a súa petición de coñecer o proxecto modificado de ampliación do Ifevi

O Concello solicitou o proxecto final da ampliación do Ifevi aprobado pola Xunta porque, segundo o anuncio do presidente da Xunta de incluír un módulo deportivo, podería non corresponderse co enviado ao Concello no seu momento e, diferir polo tanto, do que foi sometido a exposición pública e en base ao que o goberno local expropiou os terreos. O proxecto enviado oficialmente ao Concello di textualmente no apartado 1.8 da Memoria: Prestacións do edificio -limitacións de uso. O edificio só porá destinarse ao uso equipamiento (recinto feiral). A dedicación dalgunhas das súas dependencias a uso distinto do proxectado requerirá dun proxecto de reforma e cambio de uso (…). Ante esta situación, o alcalde aclarou que o Concello ten a obriga de comprobar que o proxecto se vai executar cumpre as normas, “non sabemos se hai modificacións susbstanciais e hai que ter en conta que o solo foi expropiado cun fin, e se ese fin variara, a expropiación podería estar en perigo”.

O rexedor insistiu na rolda de prensa en que o Concello descoñece o proxecto que inclúe o módulo deportivo, ao igual que o Padroado do Ifevi -órgano reitor do recinto – quen tampouco foi consultado. De feito, membros do mesmo están a reclamar unha reunión urxente deste organismo director para coñecer as posibles modificacións introducidas pola Xunta no documento tamén aprobado no seu momento polo propio Padroado e que agora non se sabe si se vai executar ou non.

En todo caso, o máis “grave”, en verbas do rexedor, é a negativa da Xunta de achegar os 5,5 millóns que adeuda ao Concello para acometer a reforma das pistas de atletismo de Balaídos, unha aportación comprometida hai moitos anos e que permitiría arrancar a obra de xeito inmediato.

Comentar noticia

Your email address will not be published.