O Consello Galego de Universidades conxela, por décimo ano consecutivo, as taxas dos graos e os mestrados habilitantes

Tamén se aprobaron catro novos mestrados que a UVigo comezará a impartir o vindeiro curso 2020-2021
Publicado por o día 15/06/2020 na sección de Educación,Galicia,Vigo

O Consello Galego de Universidades conxela, por décimo ano consecutivo, as taxas dos graos e os mestrados habilitantes

Por décimo ano consecutivo, o custe da matrícula nun grao das universidades galegas no se vai incrementar. Así o acordou o Consello Galego de Universidades nun pleno celebrado na mañá deste luns, presidido pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, no que, entre outros temas, tamén se deu conta da oferta académica para o vindeiro curso 2020-21.

O CGU deulle o visto e prace ao decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2020/21. O documento, que deberá ser aprobado polo Consello da Xunta, recolle a conxelación, por décimo ano consecutivo, das taxas dos graos e dos másters habilitantes, aqueles necesarios para exercer unha profesión. Tamén se acordou a baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas dos mestrados non habilitantes, é dicir, os enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica, ata equiparalos aos prezos de grao universitario.

Deste xeito, o prezo medio de matrícula dos mestrados non habilitantes pasará dos 26,49 €/crédito actuais (por debaixo dos 31,06 €/c de media do conxunto do Estado) aos 11,89 €/c de media establecidos xa para os graos universitarios e os mestrados habilitante. Segundo explicou o consellería, Galicia seguirá a ser no vindeiro curso a comunidade coas taxas de matrícula universitaria máis baixas do Estado, moi por debaixo da media do conxunto de España, como se ratifica no último informe do Ministerio de Universidades presentado a finais de maio ante a Conferencia General de Política Universitaria.

Catro novos mestrados na UVigo

O pleno do Consello Galego de Universidades deste luns tamén informou favorablemente da implantación de tres novos graos, sete mestrados e un programa de doutoramento para o vindeiro curso 2020-21.

Entre as novidades, a Universidade de Vigo ofertará o Mestrado en Dirección e Innovación da Cadea de Subministro e o Mestrado en Industria 4.0, de carácter interuniversitario en colaboración coa Universidade de León, ambos no campus de Vigo. Así mesmo, tamén con carácter interuniversitario, o curso próximo implantarase o Mestrado en Nanociencia e Nanotecnoloxía, conxunto entre a USC e a UVigo, nos campus de Santiago e Vigo respectivamente; e o Mestrado en Visión por Computador, conxunto entre o campus da Coruña, o campus de Lugo, o campus de Vigo e a Universidade de Porto. Ademais, as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo compartirán un novo Programa de Doutoramento en Turismo, que se impartirá nos campus de Santiago e Ourense.

No que respecta ás novidades da Universidade da Coruña, entrarán en funcionamento o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía; o Mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial e o Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares. Na Universidade de Santiago de Compostela comezarán a impartirse o Grao en Empresa e Tecnoloxía; o Grao en Bioquímica (ambos no campus de Lugo) e o Mestrado en Planificación e Xestión Territorial (nos campus de Santiago e de Lugo).

Cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense

Outro dos puntos do pleno do CGU foi a aprobación do cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense que pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social. Esta proposta, que foi aprobada en Consello de Goberno pola Universidade de Vigo no mes de decembro de 2019, responde á necesidade dunha denominación que poña en valor a multidisciplinariedade e interdisciplinariedade do centro, dando visibilidade ao título de Grao en Traballo Social que actualmente se imparte na Facultade de Ciencias da Educación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.