O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se crea e regula o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas. O obxectivo desta norma é mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia.
Deste xeito, os titulares que rexistren estas masas terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable. Os seus propietarios, así como os titulares dos aproveitamentos, terán tamén vantaxes e incentivos fiscais.
Así, o decreto supón un importante desenvolvemento da Lei de montes de Galicia e responde tamén ao establecido polo ditame da Comisión forestal do Parlamento galego. Cómpre sinalar que a extensión actual das masas de frondosas autóctonas na nosa comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego, de aí a necesidade e a importancia de contar cunha ferramenta deste tipo.
Neste rexistro (de carácter administrativo e de consulta pública) quedarán inscritas aquelas masas cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas, que poderá estar formada por un máximo de tres unidades de superficie cunha extensión mínima de 3,75 hectáreas, e cunha idade media de polo menos vinte anos. Admitirase a presenza doutras especies arbóreas sempre que non representen máis do 25% do número de pés maiores (enténdese por pés maiores aqueles cun diámetro igual ou superior a 7,5 centímetros). O decreto regula o obxecto e contido do rexistro, así como os procedementos de inscrición, modificación e baixa no mesmo.
Inscrición no rexistro
A inscrición das devanditas masas neste rexistro poderá facerse a instancia de parte ou de oficio. No primeiro caso, a solicitude poderá realizala calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, incluíndo montes veciñais en man común, que sexan propietarias ou titulares dun dereito de uso sobre máis do 50% da súa superficie.
A incorporación de oficio será para as masas que formen parte de bosques de ribeira, que estean situadas en áreas declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou forestais ou aquelas que contribúan, de maneira especial, á conservación da diversidade biolóxica. Tamén serán inscritas de oficio as masas localizadas en terreos forestais incluídos nas redes de faixas de xestión da biomasa consonte á lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais.
Enlace ao Decreto completo:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200108/AnuncioG0426-271219-0009_gl.html
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.