A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción para a execución dunha senda na estrada PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, en Bueu.
Esta actuación para o fomento da mobilidade sostible conta cun orzamento autonómico duns 643.000 euros ao que hai que engadir o pago das expropiacións.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información.
Trátase da execución dunha senda na marxe esquerda desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 12+720-14+440, que con respecto ao proxecto inicial amplíase en 115 metros a súa lonxitude para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude.
A senda terá un ancho mínimo que oscilará entre os 1,8 e 1,5 metros, e elevarase 3 centímetros con respecto á rasante da calzada.
Puntualmente e en función do espazo, a senda implantarase na beiravía existente, cun ancho mínimo de 1,50 metros. Nestes casos disporanse separadores para identificar correctamente a separación entre senda e calzada.
De modo complementario, conformarase unha parada de autobús e ampliarase o firme na contorna do punto quilométrico14+150, na marxe esquerda. Nesta parada tamén se renovará a marquesiña existente.
Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros. Todas estas actuacións serán cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.