O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional cunha dotación de 530.000 euros. Desta contía, 340.000 euros destínanse especificamente aos eventos musicais e os 190.000 euros restantes, aos escénicos.
Poden optar a esta convocatoria as entidades privadas ou administracións locais organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019, que conten cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos.
Establécese, así mesmo, que o 40% do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de compañías compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20% da contratación artística do festival ou o 30% do total das actuacións profesionais que se ofrezan.
As bases fan fincapé na consideración deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.
As subvencións, para as que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá ata o día 13 do vindeiro mes de maio, serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva e cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión da que formarán parte expertos independentes.
A convocatoria está dispoñible para a súa consulta no Diario Oficial de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.