O Grupo Popular rexistra a proposición de lei de recuperación da terra agraria de Galicia para a súa tramitación no Parlamento galego

Publicado por o día 12/01/2021 na sección de Política,Partido Popular

O Grupo Popular rexistra a proposición de lei de recuperación da terra agraria de Galicia para a súa tramitación no Parlamento galego

O Grupo Popular rexistrou esta mañá no Parlamento de Galicia a proposición de lei de recuperación da terra agraria, un texto que recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy; a viceportavoz Elena Candia, e o deputado e conselleiro do Medio Rural, José González, salientaron, ademais, que esta nova lei permitirá anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural, e mellorar a calidade de vida da poboación.

Pedro Puy salientou que esta lei “ten o seu xerme nas reflexións de moitos dos comparecentes na Comisión de estudo sobre o ámbito forestal e a loita contra os incendios forestais que celebramos neste Parlamento na pasada lexislatura, xa que recolle 43 das 123 recomendacións do Ditame desta comisión, é dicir, case o 35 por cento das recomendacións aprobadas no seu día”.

“Estamos a falar dunha norma orientada á dinamización e posta en valor do noso rural, fixando poboación, promovendo a xestión do territorio, recuperando a demografía, mellorando a calidade de vida das xentes que viven no e do rural; e anticipándonos aos lumes forestais, mediante a prevención activa e a implantación de actividade agraria”, manifestou.

 

Pola súa banda, José González lamentou que “o enorme grao de descoñecemento da titularidade dos predios complica os procesos de mobilización, polo que a futura lei facilitará moito neste caso a súa xestión”. Deste xeito, e facendo fincapé na investigación da propiedade, engadiu que “iniciaranse procedementos administrativos de revisión de titularidade, daquelas parcelas nas que exista un interese por recuperalas”. Tras ese proceso de revisión, a lei establece que a Xunta notificará os resultados ao citado Ministerio para que proceda á actualización do catastro, unha cuestión demandada reiteradamente pola cidadanía.

“O texto legal baséase na garantía plena nos procedementos, a seguridade xurídica nas relacións entre os diferentes axentes que actúan sobre o territorio e a voluntariedade na súa participación dentro dos diferentes mecanismos de mobilidade”, asegurou. Deste xeito, garantirase un beneficio económico para o propietario das terras, mentres aquelas persoas que as queiran traballar contarán coa superficie suficiente para unha actividade económica rendible, sempre mantendo a titularidade dos predios.

José González dixo que, xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga que se seguirán decretando, na nova lei apóstase por mecanismos de mobilización que permitan unha maior participación dos interesados na xestión das terras. O obxectivo último é mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

MAPA DE USOS AGROFORESTAIS

O deputado e conselleiro apuntou que a nova lei porá en marcha un Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia; e creará un catálogo de solos agropecuarios e forestais, que clasificará os terreos agropecuarios e forestais e, dentro deles, os solos de alta aptitude agropecuaria en función da súa aptitude produtiva actual e potencial.

Na norma establécese e detállase a declaración de abandono ou infrautilización de predios, un paso previo fundamental para fomentar a súa xestión. Así, como consecuencia deste proceso, aos titulares dos terreos infrautilizados ofrécenselles tres opcións: recuperar o terreo e poñelo en condicións de produción; ceder a un terceiro o seu uso e aproveitamento; ou, por último, incorporar o predio ao Banco de Terras. De non aceptar ningunha destas opcións, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) poderá emitir resolución de declaración de abandono, que pode comportar a apertura de expediente e permite a execución subsidiaria da limpeza do predio.

INSTRUMENTOS VOLUNTARIOS DE MOBILIZACIÓN E PERMUTAS

Así mesmo, a nova lei recolle un conxunto de instrumentos voluntarios para mobilizar a terra, que convivirán coa declaración de novas concentracións parcelarias en lugares nos que haxa iniciativa agrícola e gandeira: os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta.

Respecto dos polígonos agroforestais José González explicou que teñen por obxecto poñer a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. Dentro desta figura establécense tamén os polígonos cortalume, que procuran a xestión do territorio agroforestal co fin de anticiparse aos incendios, combinando a prevención dos lumes coa posta en valor destas zonas con actividade agrícola, gandeira e forestal.

José González indicou tamén que mediante a figura das aldeas modelo búscase recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, polo tanto, devasas naturais para anticiparse aos incendios. “A posta en marcha destas figuras faise respectando en todo momento lindes e peches perimetrais”, indiciu.

Outra figura establecida na lei é a das agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta. Este modelo de xestión conxunta non suporá a reorganización da propiedade dos terreos agroforestais e comportará a obrigatoriedade da súa xestión e aproveitamento de maneira conxunta durante o tempo de vixencia da actuación neses terreos.

Dentro dos procedementos de mobilización, a lei regula tamén un sistema de permutas voluntarias para solucionar o problema dos titulares de explotacións agrogandeiras e forestais que teñen predios enclavados que dificultan a súa xestión e a súa rendibilidade.

Outra das ferramentas que inclúe esta proposición de lei, dirixida a propiciar a remuda xeracional no agro, é o Banco de Explotacións, un instrumento público de mediación que facilitará o contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co fin de garantir a súa continuidade e a das súas terras.

Por último, José González subliñou que a lei prevé medidas xerais para promover a recuperación e posta en valor da terra agraria, tales como axudas públicas, liñas de crédito bonificadas e outros instrumentos financeiros, e contratos temporais de xestión pública.

O texto legal contempla tamén propoñer ao Estado medidas fiscais específicas para incentivar a mobilización. Dentro delas, resaltan as relativas á imposición sobre a renda das persoas físicas e xurídicas para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras e a transmisión ou arrendamento dos predios que se incorporen aos polígonos, ás aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta. Tamén, incentivos fiscais a prol da incorporación de axentes promotores aos mecanismos de mobilización, así como nos tributos estatais que afecten ás permutas en solo rústico.