O Multiusos do Piñeiral de Chapela acolle a mostra integradora “Sorrisos transformadores”

Cristina Palacios, presidenta de ARELAS, ofrecerá unha visita guiada e unha charla-coloquio sobre as persoas trans* á que asistirá o alumnado do IES de Redondela
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Redondela

O Multiusos do Piñeiral de Chapela acolle a mostra integradora “Sorrisos transformadores”

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (ARELAS) inaugurarán este mércores 29 de xaneiro, ás 11:30 horas, a exposición “Sorrisos transformadores” en Chapela, Redondela. A mostra, que forma parte dun proxecto audiovisual para a visibilización do colectivo LGTBI, pode visitarse no Multiusos do Piñeiral de Chapela. Ata alí desprazarase un grupo de alumnado do IES de Redondela, que participará nunha visita guiada e charla informativa a cargo de Cristina Palacios, presidenta de ARELAS. Palacios afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir. A exposición pode visitarse ata o 10 de febreiro, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas, e unha vez finalizada trasladarase ao concello de Salvaterra de Miño.

“Sorrisos transformadores” é unha mostra itinerante que está a percorrer a provincia e tamén algún outro emprazamento fóra de Pontevedra, coma Betanzos ou Santiago de Compostela. A exposición consta de 10 fotografías de Noemí Chantada nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou idea sobre a protagonista ou a súa contorna. Entre as retratadas inclúense persoas de relevancia social, sexan ou non trans*, pero relacionadas coa súa realidade pola súa profesión (educación, dereito, política, psicoloxía) e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe.

A finalidade de “Sorrisos transformadores” é prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero. Ademais, trata de combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.

Comentar noticia

Your email address will not be published.