O Museo repartirá preto de 8.000 euros en premios no III Festival Audiovisual Infantil e Xuvenil O Museo de Pontevedra en Curtametraxes

O prazo para presentar solicitudes de participación abre mañá e finaliza o 23 de xaneiro
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Pontevedra

O Museo repartirá preto de 8.000 euros en premios no III Festival Audiovisual Infantil e Xuvenil O Museo de Pontevedra en Curtametraxes

Museo de Pontevedra abrirá mañá o prazo para presentar pezas á terceira edición do Festival Audiovisual Infantil e Xuvenil O Museo de Pontevedra en Curtametraxes. Poderá participar alumnado de 5.º de Primaria ata Bacharelato, graos medios ou Formación Profesional Básica, tanto de forma individual coma en grupo, e repartiranse premios e mencións especiais por valor de 8.000 euros entre as obras que mellor resalten o patrimonio cultural exposto no Museo.

Segundo explica hoxe o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, onde están publicadas integramente as bases, existen catro categorías de participación: infantil, para alumnado de 5.º e 6.º de Primaria; benxamín, para alumnado de 1.º e 2.º da ESO; alevín, para alumnado de 3.º e 4.º da ESO, e cadete, para alumnado de Bacharelato, graos medios, e FP Básica.

Entregaranse oito premios, dous en cada categoría, xunto cunha mención especial, previa selección do xurado. Para a categoría Infantil, o primeiro premio terá unha contía de 700 euros e o segundo, de 400 euros; na categoría benxamín os premios serán de 800 e 500 euros; para os alevíns, 1.000 e 700 euros, e para os cadetes, 1.500 e 1.000 euros. As mencións especiais para as dúas categorías das e dos máis pequenos serán de 200 euros, mentres que para as dúas de maior idade serán de 400 euros.

As curtametraxes deberán ter como obxectivo resaltar o patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos ou a exposición “Galaicos, un pobo entre dous mundos” desde a visión particular da infancia e a xuventude. Serán en galego e poden incluír subtítulos para as persoas con discapacidade auditiva.

Os audiovisuais poderán realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfonos móbiles, e deberán estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente por menores; non poderán durar máis de cinco minutos, incluídos os créditos.

É obrigatorio que sexan as e os representantes legais das e dos participantes, ou ben a Dirección ou Xefatura de Estudos dos centros de ensino, os que presenten as solicitudes de participación antes da data límite, o 23 de xaneiro de 2020. Cada participante ou grupo só poderá presentar unha curta e os centros de ensino só poderán presentar dúas curtametraxes por cada categoría.

Preferentemente, a solicitude de participación farase por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) ou a través da web do Museo (www.museo.depo.gal), especificando sempre a categoría na que se inscriben. Poderanse remitir as curtas mediante tres vías a elixir: enviando por correo postal unha copia da curtametraxe e do formulario de solicitude á Secretaría do Museo de Pontevedra, entregándoa directamente na Secretaría do Museo, ou ben a través do correo-e ou WeTransfer ao enderezo curtas.museo@depo.gal.