O Plan galego de formación 2018-2019 permitirá a 2.400 desempregados de Lugo elixir a súa cualificación entre 162 cursos

A Xunta incrementou nun 13,4% o orzamento deste programa, que alcanza na provincia un investimento de máis de 6,7 millóns de euros
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Lugo

O Plan galego de formación 2018-2019 permitirá a 2.400 desempregados de Lugo elixir a súa cualificación entre 162 cursos

A Xunta porá en marcha nas próximas semanas o Plan galego de formación 2018-2019, que na provincia de Lugo permitirá que un total de 2.430 persoas sen emprego poidan elixir a súa cualificación a través dunha oferta de 162 cursos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe as principais novidades que introduce a presente convocatoria desta iniciativa, que forma parte do esforzo que está a facer a Administración autonómica, a través da Axenda 20, para incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e para adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo. A Consellería de Economía, Emprego e Industria incrementou nun 13,4% o orzamento deste programa, que alcanza na provincia un investimento de máis de 6,7 millóns de euros.

Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial. A inserción laboral alcanzada en pasadas edicións por este programa aproximouse ao 60%.

Neste ano, no plan galego de formación na provincia de Lugo participan os concellos de Xove, O Vicedo, Ribadeo, Outeiro de Rei e O Páramo; sete entidades sen ánimo de lucro: A Fundación Laboral da Construción, Afalu, Alufonca, Cogami, Cruz Vermella, Aprevar e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias; e distintas empresas e academias.

Proceso máis sinxelo

O alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100% e obter na web toda a información de interese sobre a actividade.

As accións formativas terán un custo por alumno de entre 266 e 6.491 euros. Ofértanse cursos nos principais sectores da economía galega, como son as TIC, a automoción, o comercio e márketing, a construción, o turismo e a hostalería, o transporte, a sanidade, os servizos sociais, a seguridade e medio ambiente, o ámbito agrario, as actividades deportivas ou a industria alimentaria, entre outros. No eido do metal e o naval cada acción formativa ten un custo medio de 5000 euros por alumno; na automoción e nas enerxías renovables de 3900 euros; e nas TIC e construción de 3600 euros. Cada curso ten unha media de duración de 6 meses.

Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.

Próxima ampliación

José Manuel Balseiro lembrou que o Plan de Formación da Xunta completarase proximamente coas actividades que organizan os centros propios da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Lugo, Viveiro e Monforte de lemos, que sumarán en torno a 25 cursos e 1 millón de euros máis de investimento.

“En total -afirmou-, estamos falando dunha cifra de arredor de 8 millóns de euros de investimento en formación para mellorar a cualificación e as perspectivas de inserción laboral das persoas en situación de desemprego da nosa provincia”.