O Pleno insta á Autoridade Portuaria a “paralizar” calquera novo recheo na ría

A maioría da Corporación Municipal deu luz verde esta mañá a unha moción socialista que solicita ao Porto a paralización de calquera iniciativa que supoña novos recheos na ría de Vigo. A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, reclamou ademais a elaboración dun plan axeitado para reubicar instalacións e optimizar o uso do espazo portuario.
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Pleno insta á Autoridade Portuaria a “paralizar” calquera novo recheo na ría

Os votos favorables do PSOE, de Marea de Vigo e do concelleiro non adscrito permitiron esta mañá aprobar unha moción que insta á Autoriadade Portuaria a “paralizar” calquera iniciativa que implique a creación de novos recheos na ría. Na sesión ordinaria deste mércores, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu un texto que reclama ao Porto frear calquera recheo proxectado así como a elaboración dun plan axeitado que permita diferenciar as actividades que precisan estar nesta terminal daquelas que non poden estar ubicadas en calquera polígono industrial da cidade. Coa abstención do Partido Popular, o Pleno deu luz verde a unha moción que considera preciso un plan de actuacións a medio e longo prazo que garanta que o Porto e, en particular, a terminal de Bouzas, aloxe e ordene de xeito eficiente as actividades portuarias. Logo de sinalar que o goberno local non dubida da importancia estratéxica da terminal viguesa, a concelleira advertiu de que esta importancia “non debe xustificar calquera intervención”.

Tanto o concelleiro non adscrito como Mara de Vigo apoiaron esta moción. Xabier Pérez Igrexas pediu ao Goberno local que leve esta oposición “ata o final”, incluso acudindo aos tribunais se fora preciso. Rubén Pérez sumouse a esta reclamación engadindo a necesidade de que faga unha axeitada planificación dos espazos e do desenvolvemento da plataforma loxística de Salvaterra-As Neves. Pola súa banda, o voceiro do PP, Alfonso Marnotes, asegurou que desde que Feijóo goberna na Xunta no Porto de Vigo non se fixeron recheos “contra a cidade”.

Hostalaría

Outra das mocións aprobadas esta mañá solicita á Xunta que transfira ao Concello a cantidade de 25 millóns de euros para que se proceda á inmediata convocatoria pública de axudas ao sector da hostalaría e do pequeno e mediano comercio. Esta iniciativa socialista saíu adiante cos votos favorables do PSOE e do concelleiro non adscrito, coa abstención dos representantes de Marea e cos votos en contra do Partido Popular.

Na sesión plenaria deste mércores, a Corporación acordou tamén esixirlle á Xunta a colocación dun semáforo no cruce da Avenida de Galicia co Cascalleira co obxectivo de evitar accidentes e minimizar a situacións de risco que se producen a diario. A concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, contou co apoio dos edís de Marea de Vigo e do non adscrito, mentres que o PP optou pola abstención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.