O prazo para presentar traballos xornalísticos ao premio Comunicar en igualdade remata o próximo 16 de setembro

Este premio busca recoñecer aqueles traballos que contribúan á promoción da igualdade de xénero
Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Xunta de Galicia

O prazo para presentar traballos xornalísticos ao premio Comunicar en igualdade remata o próximo 16 de setembro

O prazo para presentar traballos xornalísticos ao premio ‘Comunicar en Igualdade 2019’ permanecerá aberto ata o próximo 16 de setembro.

O obxectivo da iniciativa é recoñecer aqueles traballos que contribúan á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. Con esta iniciativa, búscase recoñecer as boas prácticas á hora de abordar distintos asuntos como o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.

O Premio consta de dúas modalidades: unha, para profesionais do xornalismo; e outra, para alumnado universitario. No caso dos profesionais do xornalismo, premiaranse os mellores traballos informativos ou serie de pezas elaboradas individual ou colectivamente, segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo sobre a igualdade de xénero ou sobre a violencia de xénero. Os traballos deberán ser orixinais e en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Poderán presentarse informacións, crónicas, entrevistas, artigos de opinión, reportaxes fotográficos, documentais ou similares; xa publicados ou emitidos nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Cada participante poderá presentar un único traballo. Establécense 3 categorías de premios, cunha dotación económica de 6.000 euros, 3.000 euros e 2.000 euros.

Na categoría para o alumnado universitario, poderá participar calquera alumna ou alumno con matrícula nalgunha das titulacións impartidas no Sistema Universitario de Galicia (SUG) no curso 2018-2019. O premio outorgarase aos mellores traballos de tipo xornalístico segundo criterios de calidade, esforzo investigador e axeitado tratamento dende a perspectiva de xénero. Os traballos, en idioma galego, poderán ser de tipo impreso, dixital ou audiovisual. Valorarase que o traballo fora emitido ou publicado nalgún medio de comunicación (xornais, radios, televisión ou páxinas web) con influencia no ámbito galego durante o ano 2018 e en 2019 ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes. Cada participante poderá presentar un único traballo. Establécense 3 categorías de premios, cunha dotación económica de 4.000 euros, 2.000 euros e 1.000 euros.

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.