O programa de voluntariado da OMA permite erradicar a flora invasora do campus

Eliminan principalmente margarida africana, herba do asno e herba do Himalaia
Publicado por o día 09/03/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O programa de voluntariado da OMA permite erradicar a flora invasora do campus

Nos arredores do campus de Vigo, flora e fauna alóctonas invaden espazos naturais, quitándolle o seu lugar a especies autóctonas que se ven desprazadas na súa propia contorna. É por iso que a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) decidiu poñer en marcha hai uns anos un programa de voluntariado para a minimización de impactos ambientais e mellora de hábitats que permite que a comunidade universitaria participe na erradicación de especies invasoras. “Con este programa de voluntariado preténdese concienciar á comunidade universitaria sobre a problemática ambiental que representan as especies invasoras, así como aprender a recoñecelas e coñecer as técnicas para a súa erradicación e control”, explica Sergio Ramos, técnico superior da OMA.

Este programa de voluntariado ten a matrícula aberta durante todo o ano e está pensado para grupos de entre oito e dez persoas. Na actualidade hai xa varias persoas inscritas pero dende a OMA sinalan que se está agardando á chegada do bo tempo para dar comezo ás actividades. O programa conta cunha formación previa polo que, aínda que está principalmente dirixido ao estudantado do ámbito científico, todas aquelas persoas interesadas no tema poderán participar.

Xunto coa OMA, nesta iniciativa colaboran distintas áreas e departamentos da Universidade, como a Unidade de Xardinería, que “ nos facilita axuda no referido ás infraestruturas, a Delegación de Alumnos de Bioloxía ‘Lynn Margulis’ que nos axuda a dar a coñecer o programa e diversos departamentos do eido científico que nos asesoran, cando é necesario, na planificación de accións e actividades”, puntualiza Ramos.

Aprendizaxe e restauración de hábitats

A actividade estrutúrase en distintas xornadas para que así “os grupos poidan escoller o horario que máis lles conveña”. Os voluntarios traballarán principalmente sobre o control da flora invasora, aínda que as tarefas a realizar son diversas e, para poder realizalas, recibirán formación tanto antes como durante o desenvolvemento do programa. Nestas sesións coñecerán tanto as especies invasoras, a súa problemática e as técnicas de control que se van utilizar. Posteriormente comezarán os “roteiros nos que se procederá a eliminar os exemplares das especies máis diseminadas, tentando deste xeito frear a súa expansión”.

Os voluntarios e voluntarias centraranse na erradicación de diferentes tipos de flora invasora, sendo  a ‘Arcthoteca caléndula’ ou margarida africa, a ‘Oenothera glazioviana’ ou herba do asno e a ‘Persicaria capitata’ ou herba do Himalaia, as tres plantas coas que máis se traballa. Porén, tamén se realizarán actuacións puntuais con ‘Zantedeschia arthiopica’ ou cala de Etiopía e ‘Wisteria sinensis’ ou glicina. No campus tamén se atopan exemplares de ‘Acacia melanoxylon’ ou acacia negra, ‘Arundo donax’ ou canaveira e ‘Cortaderia selloana’ ou herba da Pampa, aínda que polo complexo proceso que require a súa eliminación “encárgase directamente a Unidade de Xardinería da Universidade de Vigo con apeiros e maquinaria específica”, explica o técnico.

Unha vez eliminadas estas especies invasoras, valorarase a necesidade de realizar un proceso de restauración dos hábitats. Por exemplo, no control de Oenothera glazioviana, que se atopa espallada polo campus sen chegar a formar tapetes, “non é necesario máis que esperar a que a zona na que se realiza o labor de erradicación sexa ocupada naturalmente polas especies autóctonas”, engade. En cambio, no caso doutras especies que si forman densos tapetes, “estase a realizar a restauración e supervisión da área traballada en anos anteriores para evitar a súa expansión. Para iso, “ás veces trátase a zona con casca de piñeiro ou algún outro axente que dificulte que medre a especie invasora”. Tamén se plantan especies autóctonas, coma o careixón silvestre, “de rápido crecemento, que impida ou dificulte a recolonización por parte da especie invasora”, sinala Sergio Ramos.

As e os interesados en participar neste programa de voluntariado poden informarse na web da OMA.

Comentar noticia

Your email address will not be published.