O segundo cuadrimestre comezará na UVigo o 8 de febreiro con docencia virtual

“PDI e PAS poderemos seguir acudindo aos nosos postos de traballo”, confirma o reitor
Publicado por o día 25/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O segundo cuadrimestre comezará na UVigo o 8 de febreiro con docencia virtual

O inicio do segundo cuadrimestre nas tres universidades galegas adíase ata o 8 de febreiro, en lugar de arrancar como estaba previsto o día 1, e farao en modo totalmente virtual. Deste xeito, a docencia será en liña para todas as titulacións, como mínimo, ata o día 17 de febreiro, segundo confirmou este mediodía o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que deu conta das novas medidas adoptadas polo Goberno autonómico para facer fronte á terceira onda da covid-19. “A partir do 17 de febreiro intentaremos retomar a docencia presencial”, sinalou o titular da Xunta na súa comparecencia pública posterior á xuntanza do comité clínico, que este luns estableceu novas medidas ante o agravamento da situación da pandemia en Galicia.

“Esperamos que, de novo, os membros da Universidade de Vigo volvan a dar o mellor de si, tentando que esta situación desfavorable non produza efectos negativos nas actividades universitarias”, sinala o reitor Manuel Reigosa, que se amosa consciente “das dificultades que nos imos a atopar, pero sabemos que somos quen de acadar o éxito nas nosas obrigas”. Como xa ocorreu durante case seis meses do pasado curso, a UVigo retomará a docencia virtual entre o 8 e o 17 de febreiro, despois de iniciar este curso 20/21compaxinando a docencia presencial nunha vintena de graos e 30 mestrados, co sistema mixto que alternaban as clases na aula coa virtualidade. A tal efecto, a UVigo creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade, proporcionando o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática), permitindo a docencia simultánea a alumnos na aula física e na aula virtual. Así mesmo, a Universidade conta desde este curso co novo portal de teledocencia, Moovi, unha medida que se enmarca no plan de mellora deseñado para facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña. O sistema actual, FaiTic, segue ademais activo durante todo o curso, aínda que non permite crear contidos novos.

Os detalles do inicio da docencia do primeiro cuadrimestre no escenario virtual pubilicaranse nunha resolución reitoral que clarexará estes aspectos.

Presencialidade para os exames previstos e para o traballo de PAS e PDI

Se ben, o inicio de segundo cuadrimestre se adiará unha semana para comezar o 8 de febreiro e non o 1, “un tempo que servirá para organizar a docencia, aínda que xa estaba preparado o plan de continxencias”, explica Reigosa, os exames do primeiro cuadrimestre que xa estaban previstos, realizaranse de xeito presencial. Así mesmo, ao non contemplarse polo de agora un confinamento, “tanto o PDI, como o PAS poderemos seguir acudindo aos postos de traballo, polo que non é preciso tomar medidas nin referidas a investigación, transferencia e xestión mais aló dos acordos xa tomados nas mesas de negociación de PDI e PAS e á organización consensuada das actividades”, detalla o reitor.

249 positivos por covid confirmados desde o inicio do curso

Desde o 21 de setembro de 2020, día do inicio oficial do curso académico 20/21, ata hoxe luns 25 de xaneiro de 2021, rexistráronse na UVigo un total de 249 positivos por covid entre os 20.735 integrantes da comunidade universitaria, dos que 221 corresponden a alumnado, 22 a PDI e 6 a PAS. En canto aos casos activos nos últimos 10 días o número elévase a 22.

Co obxectivo de salvagardar a saúde da comunidade universitaria desde o inicio do curso na UVigo adoptáronse medidas excepcionais: uso de máscara obrigatoria, espazos con capacidade reducida e posta en servizo doutros, códigos QR nas aulas para rastrexar contactos ante un posible contaxio e realización de probas PCR a persoal e alumnado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.