O Sindicato Labrego Galego apoia a concentración que se levará a cabo este domingo, 30 de setembro, en Ordes baixo o lema “Aire, auga e terra limpos” e convocada por Non aos parques eólicos na comarca de Ordes, Asociación A Picota (Trazo), Comisión de Seguimento da Minaría e Defensa do Rural (Mesía) e Asociación de Afectad@s polo Vertedoiro de Lesta.
Dende os seus inicios, coa loita nas Encrobas de 1977 e en diante, o SLG xa ten denunciado as agresións contra esta bisbarra por diversos proxectos empresariais que están a converter estas terras no sumidoiro de Galiza: a central térmica de Meirama, a autoestrada de alta tensión de Red Eléctrica, as extraccións mineiras de Erimsa, a concentración e procesamento de residuos de todo tipo en Sogama e Gesuga ou os vertedoiros de Lesta e Areosa.
Sen esquecer o tremendo impacto que están a ter todas estas actividades industriais, concentradas en tan pouco espazo, sobre a poboación e o medio ambiente; agora temos posto o foco sobre o macroproxecto de parque eólico que pretende levar adiante a empresa Green Capital Power, que se estendería nunha franxa de territorio que abranguería de Cerceda a Vilasantar, hipotecando o uso agrario, gandeiro e forestal de ducias de miles de hectáreas.
Dende o Sindicato Labrego Galego non estamos dispostos e dispostas a consentir nin unha agresión máis nunha das principais bisbarras gandeiras de Galiza e seguiremos fiscalizando, denunciando e loitando contra as que, hoxe en día, persisten nas súas agresións ao medio ambiente, á saúde das persoas e á economía rural da zona. Por iso, este domingo 30 de setembro, acudiremos a apoiar a concentración de protesta organizada en Ordes e faremos un chamamento aos labregos e labregas da zona para que a secunden.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.