O “Son clásico” da Orquestra de Cámara Galega chega este sábado a Mondariz-Balneario da man do programa da Deputación de Pontevedra Musigal 2019

A partir das 21.30 h a sala de cultura do concello acollerá este concerto enmarcado no programa da institución provincial para espallar a programación artística e cultural polos concellos da provincia
Publicado por o día 27/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Mondariz

O “Son clásico” da Orquestra de Cámara Galega chega este sábado a Mondariz-Balneario da man do programa da Deputación de Pontevedra Musigal 2019

O programa da Deputación de Pontevedra, Musigal 2019, levará este sábado ata Mondariz-Balneario a actuación da Orquestra de Cámara Galega na sala de cultura do concello a partir das 21.30 h. Mediante Musigal, a institución provincial está a espallar a programación artística e cultural polos concellos da provincia.

A Orquestra de Cámara Galega (OCGa) naceu en 1995 grazas á inquietude dun grupo de músicos galegos formados no Conservatorio Superior de Música da Coruña e en diversos conservatorios europeos. A OCGa realizou o seu debut no XLIV Festival de Ópera da Coruña. A orquestra ten desenvolvido unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abrangue as principais épocas e estilos, desde o Barroco temperán ata a música contemporánea, incluíndo a difusión e estrea das obras de compositores galegos e facendo especial fincapé na obra do compositor Rogelio Groba, do cal levaron a cabo numerosas estreas.

Musigal 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra.

Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas con domicilio social en Pontevedra. Ao igual que o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: “Son muller”, na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; “Son crianza” para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; “Son mocidade” para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; “Son tradición” para grupos de música tradicional galega; “Son clásico” para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e “Son actual” para grupos de pop, rockhip hop e música electrónica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.