A Consellería de Sanidade vén de reforzar, desde esta mesma mañá, o teléfono 900 400 116 de información sobre o coronavirus coa incorporación de ata 100 teleoperadores para a atención exclusiva ás consultas e as solicitudes de información relacionadas con esta enfermidade co obxectivo de axilizar a atención á poboación.
O reforzo do persoal de operación telefónica realizarase de luns a venres, en horario de 9,00 a 21,00 horas no que se está a recibir o maior número de chamadas en relación co coronavirus. Con esta medida, o departamento de Sanidade garante a atención telefónica inicial de todas aquelas persoas que chamen a este teléfono gratuíto.
O teléfono 900 400 116 habilitouse para aquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, e aqueles que queiran solicitar información relacionada con esta enfermidade. Deste xeito, o 061 mantense como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.
2.950 chamadas atendidas onte polo coronavirus
Desde que a Comunidade galega rexistrase os primeiros casos de persoas infectadas co coronavirus, na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,que xestiona tanto o teléfono 061 como o 900 400 116, rexistrouse un progresivo incremento do número de chamadas atendidas ata chegar a un incremento do 60%. No día de onte, na Central de Coordinación atendéronse 7.368 chamadas, das cales 2.950 chamadas tiñan relación con coronavirus. Destas, 2.127 chamadas atendéronse no 900 400 116 e 821 no teléfono 061.
O reforzo da atención telefónica ao 900 400 116 co persoal teleoperador engádese a outras ferramentas de atención e consulta acerca desta enfermidade como o formulario de autotest sobre o coronavirus, dispoñible desde onte na páxina do Sergas https://coronavirus.sergas.es, e na páxina web do 061 061.sergas.gal. Ademais, a páxina web do 061 ofrece a posibilidade de realizar consultas on line sobre esta enfermidade a través dun sinxelo formulario que será constestado por persoal sanitario a maior brevidade posible.
Cómpre recordar que o novo coronavirus transmítese principalmente por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias e que na maioría dos casos a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común. As recomendacións para evitar un posible contaxio, establecen principalmente lavarse frecuentemente as mans con auga e xabón, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca se non ten as mans limpas, e cubrir a boca e o nariz co cóbado se tose ou espirra.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.