Opinión por Xabier P. Igrexas | Vigo c’est moi

A polémica arredor do monumento ao traballo visa que Caballero reduciu a cidade a unha casa de bonecas
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de [Desde o barrio] por Xabier P. Igrexas,Opinión

Opinión por Xabier P. Igrexas | Vigo c’est moi

Escoitar a Abel Caballero laiarse da “actitude prepotente” (sic) de alguén, provoca, como pouco, risa. É a síndrome do rei espido. O mal de quen non ten máis espello que o autoretrato amábel. Como fica claro na polémica aberta pola decisión unilateral do alcalde de retirar o emblemático monumento ao traballo [os redeiros] da Gran Vía, onde leva 25 anos. O “plan” de o substituír, seica, por unha nova escultura ou mesmo un novo ornamento vexetal, o “peixeseto”, volve deixar en evidencia a concepción política de quen goberna. Unha maioría absoluta que se acabou por converter nunha caste de moderna ditadura romana.

Ese anuncio municipal, feito obviamente sen a anuencia de máis ninguén que o propio Caballero e a súa corte —que non equipo de goberno, xa que diso en Vigo non temos—, provocou sorpresa e malestar no escultor responsábel dun dos máis representativos monumentos da cidade. O rexedor ousou retrucar que “afortunadamente na cidade non manda o escultor, manda a democracia, mandan os cidadáns”. Sen perder de vista que o afirmado é un novo exabrupto no discurso irracional de Caballero, a cita transparenta unha concepción política moi perigosa. Dela infírese que, en realidade, “a democracia” e “os cidadáns” son o propio alcalde.

“Vigo c’est moi” podería ser o lema deste absolutismo municipal. Así, a negativa ao diálogo, a resistencia contumaz a considerar calquera argumento diferente ou a reconsiderar as posicións propias, acaban por definir un xeito de gobernar que en nada ten a ver coa democracia, e que a cada vez fica máis afastado da veciñanza. Con quen contrastou o goberno local o proxecto de remodelación do bulevar da Gran Vía? Con ninguén. Como todo. Como sempre.

Casa de bonecas

Asistimos, pois, á degradación da visión ornamental da cidade. A que reduce o espazo público a un mero contedor urbanístico, a un escenario aparencial pero non funcional. Ese curioso xeito de ‘humanizar’ sen focar a intervención nas persoas. Desta volta, vaise inda máis alá nesa deriva. A cidade pasa a se converter nunha xigantesca casa de bonecas de deseño, coa que o rexedor plenipotenciario pode xogar para a decorar ao seu “gusto”. Un agravamento que xa se albiscaba na decisión municipal de desmantelar o Museo de Arte Contemporánea para o converter nun contedor expositivo máis, botando por terra o traballo de máis dunha década que logrou facer do MARCO —malia a inanición de apoio municipal dos últimos anos—un referente museístico a escala galega, estatal e internacional.

Sen entrar a valorar o estándar estético que ten demostrado até o momento [dinosetos, pantallas circulares, murais máis que discutíbeis,etc..], o que resulta inaceptábel é que Vigo se goberne como o salón dunha casa particular. Porque, mal que lle pese, Vigo non é el. Somos todos e todas nós.

Una respuesta para "Opinión por Xabier P. Igrexas | Vigo c’est moi"