Os 10 Km Cidade Universitaria córrense dende a casa

A organización convida a completar algunha das distancias no domicilio e compartir fotos en redes
Publicado por o día 24/04/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os 10 Km Cidade Universitaria córrense dende a casa

Medir os metros que se poden percorrer no piso ou na casa e calcular as repeticións para poder completar a HappyGoRunning a pesar do confinamento. Este é o reto que presenta a Área de Benestar, Saúde e Deporte para que a carreira universitaria non quede sen celebrarse nesta edición. A cita estaba prevista para este domingo 26 de abril e con tres modalidade de participación: a andaina de 10 km, a carreira clásica de 10 km ou a de iniciación de 6,6 km. Calquera delas se poderá completar entre habitacións, corredores ou xardíns das vivendas “porque como non se pode correr no campus imos correla todos e todas na casa!”, explican dende a organización.

As redes sociais terán un peso fundamental nesta edición tan especial da HappyGoRunning -10Km Cidade Universitaria, xa que as e os participantes deberán compartir unha foto coa distancia completada de calquera das modalidades (pulseira de actividade, app do móbil…) e etiquetarnos nunha publicación no feed ou en stories co cancelo #eusonmuvernacasa e mencionando a conta IG: @muversuvigo / FB: mUVers Uvigo / TW: @mUVersUvigo. As condicións son percorrer a distancia de seguido, como se se estivese realizando a carreira no campus e facelo durante o día 26 de abril antes das 20 horas da tarde.

As persoas participantes que completen algunha das modalidades entrarán no sorteo camisetas conmemorativas desta edición tan especial. Paralelamente tamén se celebrará un concurso fotográfico, de xeito que se convida ás e os participantes a compartir unha foto ou vídeo que reflicta a súa participación no evento etiquetando tamén co hashtag #eusonmuvernacasa e mencionando a conta da área. Entre todas as publicacións seleccionarase a máis creativa que acadará como premio un suadoiro.

Eusonmuvernacasa

Esta iniciativa enmárcase na proposta Eusonmuvernacasa que a Área de Benestar, Saúde e Deporte deseñou para facer fronte ao confinamento cun estilo de vida activo e saudable. Dentro desta campaña estanse a difundir diferentes suxestións de actividades físicas, receitas saudables, pautas para o coidado persoal, indicacións alimentarias… Por exemplo, a proposta para identificar o azucre nos etiquetados da comida, a cantidade de sal recomendada, receitas de lasaña de cabaciña ou de galletas de avea e plátanos ou exercicios físicos de pilates, core ou cardio para combater o sedentarismo.