Os centros educativos teñen ata o 15 de xuño para presentar curtametraxes ao FICBUEU

As tres categorías son: escolas de formación audiovisual e facultades, ensino secundario e mais educación especial, infantil e primaria
Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Bueu

Os centros educativos teñen ata o 15 de xuño para presentar curtametraxes ao FICBUEU

Ata o 15 de xuño permanece aberto o prazo para presentar obras á Sección Escolas Galegas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. As bases, dispoñibles na web do certame, establecen tres categorías: unha para traballos realizados en centros de formación profesional e facultades, outra para institutos e unha terceira para educación especial, infantil e primaria. A primeira está dotada con 250 euros, mentres que en cada unha das outras dúas o premio será de 150 euros.

Poñer en valor o gran traballo que se está a realizar nos centros educativos de Galicia no eido audiovisual é o obxectivo deste apartado do FICBUEU. De feito, as obras finalistas proxectaranse na Gala Escolas Galegas, concibida coma un espazo de encontro entre eses novos talentos, para facilitar o contacto e o intercambio de experiencias. No transcurso da devandita gala entregaranse os premios do xurado convocado para esta sección, que está composto polo actor bueués David Novás, o realizador Román Santiago e unha representante do festival audiovisual escolar Olloboi, Susana Diz.

A temática das obras é libre e a duración máxima está fixada en dez minutos para as categorías de educación infantil, especial, primaria e secundaria, mentres que será de quince minutos para as da universidade e escolas de audiovisual. Os traballos deberán estar realizados nos cursos 2016/2017 ou 2017/2018 e poderanse enviar ata as 14 horas do venres día 15 ao enderezo producion2@ficbueu.com, aínda que para formalizar a inscrición será necesario cubrir ademais o formulario pendurado na web do certame.

A Sección Escolas Galegas súmase á proxección das 60 curtas seleccionadas este ano para o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de setembro co apoio de distintas entidades públicas e privadas. Toda a actualidade do FICBUEU pode seguirse a través das redes sociais do evento.