Trala publicación das bases reguladoras no Boletín da Provincia, os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes xa poden solicitar desde este martes 26 de xaneiro a súa adhesión ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, ao que a Deputación de Pontevedra destina neste ano un orzamento de 2,5 millóns de euros, o maior investimento realizado pola institución ata agora.
Desta cantidade, o plan asigna 1,3 millóns de euros para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar nos domicilios por parte de persoal especializado e 1,2 millóns de euros para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios. Como novidade, este ano os concellos poden solicitar o adianto do 50% do importe que lles corresponda do plan, “unha medida de axilidade para que lles cheguen recursos de forma inmediata”, como anunciara a presidenta Carmela Silva, ao fin de atender ás persoas máis vulnerables diante do actual contexto da pandemia da Covid-19.
O Servizo de Axuda no fogar (SAF) atende a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente no caso de que carezan de apoio persoal no seu medio inmediato. Así mesmo, ten carácter subsidiario do Servizo de educación e apoio familiar, dando unha resposta preventiva, educativa e socializadora fronte a diversas situacións de familias en risco de exclusión social. Os obxectivos deste servizo son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social e retardar ou evitar a institucionalización, así como reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
En canto ao persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, a Deputación financia ás persoas traballadoras administrativas destes concellos, así como as do servizo de Educación e Apoio Familiar, que integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección. Así mesmo, axuda a promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.
Con este Plan de Cofinanciamento, poténciase o desenvolvemento na provincia duns Servizos Sociais profesionalizados e públicos para unha atención de calidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, algo fundamental especialmente neste momento de crise pola Covid-19. Amais deste plan, a Deputación xa ten en marcha as Axudas Básicas de Emerxencia para os concellos de menos de 20.000 habitantes, así como as subvencións para que as entidades sociais da provincia poidan desenvolver os seus proxectos de apoio ás persoas máis vulnerables, cun investimento social total de 4 millóns de euros.
POR COMARCAS:
Co Plan deste ano 2021 a comarca da Paradanta recibirá un total de 166.675,57 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (44.552,06€), A Cañiza (55.846,21€), Covelo (36.387,71 €) e Crecente (29.889,59€).
O Condado recibirá 162.029,55 euros, que se repartirán entre Mondariz (56.079,21€), Mondariz-Balneario (22.697,20€), As Neves (30.718,71€), e Salvaterra (52.534,43€).
O Baixo Miño, 251.204,65 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12€), Oia (25.541,24€), O Rosal (27.847,29), Tomiño (59.042€) e Tui (78.908€).
O Val Miñor percibirá 187.500 euros, que se repartirán entre Baiona (51.310€), Gondomar (55.614€) e Nigrán (80.576€).
Deza recibirá 248.583,52 euros, que se repartirán entre Agolada (50.633,27€), Dozón (41.867,19€), Rodeiro (26.884,53€), Silleda (68.354,21€) e Vila de Cruces (60.844,32€).
A Tabeirós-Terra de Montes correspóndenlle 113.634,63 euros, repartidos entre Cerdedo-Cotobade (59.534,78 €) e Forcarei (54.099,85€).
A comarca de Vigo recibe 306.646,05 euros, que se repartirán entre Fornelos de Montes (26.395,61€), Mos (80.864,24€), O Porriño (84.800€), Pazos de Borbén (24.094,05€), Salceda de Caselas (60.068,29€) e Soutomaior (30.423,86€).
O Morrazo ten asignados 132.737 euros, que se distribuirán entre Bueu (51.786€), e Moaña (80.951€).
O Salnés recibe 514.136 euros, que se repartirán entre Cambados (54.670 €), Catoira (21.337 €), O Grove (65.235,29 €), A Illa de Arousa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,50 €), Ribadumia (29.296,63€), Sanxenxo (80.264 €), Valga (43.939 €), e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).
E por último, a comarca de Pontevedra recibirá 420.400,97 euros, que se distribúen entre Barro (39.097,77 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (27.328 €), Cuntis (41.521,21 €), A Lama (41.345,35 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.756,50 €), Ponte Caldelas (52.946 €), Portas (29.806,50 €) e Vilaboa (21.115,64€).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.