Os exames do Centro de Linguas realizaranse de xeito telemático

Publicado por o día 27/04/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os exames do Centro de Linguas realizaranse de xeito telemático

A incerteza sobre cando e como se vai poder retomar con normalidade a vida académica está a provocar sucesivas alteracións na programación do segundo cuadrimestre. O Centro de Linguas acaba de acordar que os exames se celebren en modalidade telemática, así como a suspensión das probas do CertAcles de inglés B1, B2 e C1, que se substitúen por exames con certificación propia do CdL.

Explican que a situación excepcional de emerxencia sanitaria e as sucesivas ampliacións do estado de alarma “imposibilitan a realización de exames presenciais a curto prazo”, polo que se acordaron estas medidas para dar resposta “ás necesidades de certificación de idiomas do noso alumnado”. Deste xeito séguense as “recomendacións establecidas pola Universidade de Vigo en materia de avaliación e realización de exames; e así mesmo está en consonancia coas orientacións nas que está traballando a Comisión de internacionalización da CRUE respecto da certificación e acreditación de idiomas”.

Deste xeito, os exames finais do mes de maio manteñen as datas e horarios previamente establecidas e publicadas no pasado mes de decembro, pero realizaranse de xeito telemático. A estas probas poderase presentar o alumnado que estea matriculado nalgún curso de idiomas con dereito a exame, así como os membros da comunidade universitaria da UVigo que  se  matricularon na convocatoria de exames libres CertAcles de maio, sempre que queiran facelo e o precisen para cuestións académicas ou outras.

E é que tamén se acordou a suspensión das probas CertAcles de inglés B1, B2 e C1, que se substitúen por exames con certificación propia do CdL recoñecida pola Universidade de Vigo. Esta medida responde á imposibilidade “de realizar os exames CertAcles de forma presencial nin telemática, e non dispoñemos de información certa que permita aprazar esta convocatoria e ofrecer outras datas de exame”. En todo caso, o CdL facilitará que o alumnado dos cursos actuais que non pode realizar o exame CertAcles poida facelo na próxima convocatoria se así o solicita.

Respecto da metodoloxía para a realización dos exames telemáticos, o alumnado recibirá as instrucións precisas por correo electrónico.