Os premios Demo Day de “DepoEmprende na FP” exhiben na Deputación “todo o talento e a creatividade que hai na provincia”

O CIFP Carlos Oroza, o IES Montecelo e o CIFP Manuel Antonio foron os tres centros premiados con iniciativas “moi novidosas e perfectamente viables”
Publicado por o día 17/06/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

O talento emprendedor da xente máis nova exhibiu hoxe o seu grande músculo no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra no acto de entrega dos Premios Demo Day aos proxectos gañadores da nova edición de “DepoEmprende na FP”, un “acto cheo de talento e creatividade” tal e como subliñou a Carmela Silva, a pesar de que entrega  tivo que adaptarse aos tempos da Covid19 coas medidas de protección e distanciamento axeitadas. A presidenta dirixiuse ás mozas e mozos premiadas e amosouse “alucinada co nivelazo que ten a formación profesional na nosa provincia”, subliñando que “cada ano sorpréndome coas incribles ideas que poñedes en marcha desde os vosos centros”.

Os Premios Demo Day recoñecen ás tres mellores iniciativas empresariais no marco de “DepoEmprende na FP” deste ano, que tiveron que reorientarse, polas consecuencias da crise sanitaria, cambiando os seus proxectos iniciais ao formato audiovisual. O xurado destacou “o excelente nivel dos traballos” que na categoría de Grao Superior, outorgou o primeiro premio (700 euros) ao CIFP Carlos Oroza polo proxecto “Animal Lovers” e o segundo premio (500€) para o CIFP Manuel Antonio por “OdontoApp”.

“Animal Lovers”, realizado polas alumnas Nuria Pintos e Nuria Franco, do Ciclo superior de Aloxamentos Turísticos do Carlos Oroza, baséase na posta en marcha dun establecemento destinado a satisfacer as necesidades que se dan á hora de viaxar con mascotas. Trátase dun hotel rural onde os protagonistas son os animais de compañía das persoas que se hospedan, con aloxamento e coidados específicos para as mascotas.

O segundo premio foi para o proxecto do alumnado do CIFP Manuel Antonio, realizado por Sabela Cid, Óscar Vila, Eva Figueroa e Alba Pichel, do Ciclo Superior de Hixiene Bucodental, e leva como nome “OdontoApp”. Consiste nunha ferramenta tecnolóxica dirixida ás clínicas dentais co fin de optimizar e facilitar o traballo de xestión a través dunha axenda en liña que se pon a disposición das e dos pacientes.

En canto á categoría de Grao Medio, o premio dotado con 700 euros foi para o IES Montecelo polo proxecto empresarial “Camiñando”, ideado por Andrea Abal, José Carlos Rodríguez e Julián Sevilla, do Ciclo Medio de Farmacia e Parafarmacia. É unha iniciativa que ofrece a montaxe e comercialización dun kit con produtos para o coidado persoal dos peregrinos e peregrinas, utilizando unha cabaza como envase que despois pode conservarse como un recordo da experiencia vivida polos Camiños de Santiago.

Na entrega de premios, na que participaron o profesorado e o alumnado, Carmela Silva salientou que estaba “abraiada cos tres proxectos premiados” porque “teñen moito futuro, xa que cada unha destas iniciativas están capacitadas para ter viabilidade, son demandas reais que hai no sistema económico”. Amais, recalcou que “nesta provincia hai moito talento, hai moita creatividade e isto é un feito para ser moi optimistas porque son as ideas as que poden por si mesmas cambian o mundo”.

A presidenta provincial aproveitou para reivindicar o papel da formación profesional a que considerou “fundamental para o futuro da nosa provincia e do conxunto do estado, como un bo camiño para xerar riqueza e emprego de calidade”. Tamén reclamou “unha aposta máis forte de todas as administracións pola FP”, e aplaudiu as palabras de alumnas e alumnos que fixeron un canto ao optimismo e á actitude como canles axeitados para conseguir os soños.