Os Reis Magos reparten ilusión por todo o Concello

Publicado por o día 05/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Melchor, Gaspar e Baltasar levan desde primeira hora da mañá percorrendo as parroquias e os barrios da cidade e continuarán ata última hora da tarde porque, segundo asegurou Gaspar “o coronavirus non pode con nós”. Os tres Magos fixeron un alto no percorrido esta mañá para manifestar a súa intención de deixar agasallos en todos os fogares pontevedreses, así como a súa esperanza de que o vindeiro ano se poida recuperar a tradición de facer unha gran cabalgata como se viña facendo en anos anteriores. Durante esta breve parada, o alcalde e a concelleira de Festas, Carme da Silva, tamén aproveitaron para saúdar ás súas Maxestades de Oriente. Miguel Anxo Fernández Lores transmitiulles que “que este ano os nenos de Pontevedra portáronse de marabilla cando houbo confinamento” e neste sentido dixo estar “segurísimo de que os Reis van traer moitísimos agasallos para todos”. Tamén explicou que como nesta ocasión “os nenos non poden ir ver os Reis, os Reis van ir ver os nenos de toda a cidade, paseando por toda a cidade sen parar, e tamén polas parroquias”.

O alcalde tamén fixo pública a súa petición para os Reis e asegurando que “pido o que pide todo o mundo con sentido común, que sexamos capaces de acabar co bicho este e que poidamos facer unha vida normal que é o máis importante, porque relacionado coa incidencia da Covid está relacionado absolutamente todo, polo tanto moita saúde e moito ánimo”.

Os tres Reis están percorrendo todos os recunchos do Concello en vehículos especiais e van escoltados por coches da Policía Local que van facendo soar as sirenas para anunciar aos cativos e cativas que os Reis están pola zona.

Atendendo ás medidas de seguridade derivadas da situación sanitaria, os tres Reis Magos non van acompañados da tradicional comitiva senón que esta se transformou en actuacións de música e animación de rúa que repartidas por toda a cidade, a cargo dos grupos Charanga OT, La Fiesta Escénica, Pablo Méndez, Artmonium, Charanga Mil9, Rivel, Barafunda e Troula Animación.