Os sindicatos estatais tamén asinan unha redución de soldos en Servicios Securitas

Mediante a absorción no SMI dos pluses de transporte e vestiario
Publicado por o día 13/08/2019 na sección de Sindicatos,CIG

Os sindicatos estatais tamén asinan unha redución de soldos en Servicios Securitas

Ao igual que en ESC Servicios Generales, empresa multiservizos do grupo Prosegur, as centrais estatais CCOO, UGT e USO asinaron un colectivo en Servicios Securitas, empresa multiservizos da outra gran compañía española de seguridade, que se traducirá nunha perda salarial de 52 euros mensuais para 4000 traballadores/as en todo o Estado, uns 200 en Galiza.

Tamén como na multiservizos de Prosegur, o acordo coa dirección contempla a absorción dentro do SMI deconceptos extrasalariais como os complementos de transporte e vestiario, contradicindo o que CCOO e UGT sosteñen en público. 

Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, a última subida aprobada do SMI provocou un incremento importante nas nóminas do persoal, xa que este tipo de empresas caracterízanse polos baixos salarios e a precariedade.

Mais aos 900 euros do SMI habería que sumarlle os pluses de transporte e vestiario, polo que o soldo mensual pasaría a 952 euros, algo que non contempla o convenio colectivo asinado.

Diante disto, adianta que a central adoptará as medidas oportunas para garantir que se lle aplique o novo SMI a todos os traballadores/as de Servicios Securitas sen incluír os pluses.