A asociación ecoloxista Verdegaia denuncia “outra corta de árbores completamente innecesaria” en Vigo, como colofón a mais unha ‘humanización’, nesta ocasión na Avenida Gregorio Espino, tras a realizada en Gran Vía.
Facendo unha alegoría legal, teríamos que clasificar este corte como un arboricidio con aleivosía. Un arboricidio pola morte de seres vivos indefensos e con aleivosía polo modo falso e ruín como foi realizada. Durante a obra protexeronse as árbores mediante a colocación de táboas ao redor do tronco. Inxenuamente consideramos que representaba un cambio na política de coidado das árbores pero unha vez mais o concello asegurouse de defraudarnos e cortou todas as árbores cando a obra xa estaba practicamente rematada.
Sen entrar a valorar a necesidade dos proxectos de renovación das beirarrúas, é importante distinguir proxectos como as cintas mecánicas de Gran Vía que implican necesariamente o corte das árbores doutros proxectos como a humanización de Gregorio Espino que para nada implicaba o corte das árbores. Simplemente é outra demostración da total ausencia de sensibilidade ambiental á hora de planificar unha obra pública.
É intolerable que en poucos anos se teñan cortado centenas de árbores das máis diversas especies por unha mera cuestión estética. As árbores non se poden considerar como simple mobiliario urbano, é inadmisible que se cataloguen no mesmo ítem contable que as farolas ou as marquesiñas. Entre outras moitas vantaxes, as árbores desempeñan un papel fundamental para contrarrestar a inxente cantidade de gases de efecto invernadoiro que diariamente xera o tráfico motorizado. Non obstante, a resposta das autoridades municipais segue pasando por marxinalizar os medios de transporte máis sustentables e cortar árbores, denuncia Verdegaia Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.