A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) pide ao Goberno que inclúa nos seus “venres sociais” a prohibición da publicidade de apostas e xogo en liña, pois considera que é de máxima urxencia protexer á cidadanía fronte á adicción ás apostas e os xogos de azar e a ludopatía.
Segundo OCU, o Goberno debe cumprir o compromiso de “aprobar unha regulación da publicidade do xogo de azar e aposta en liña de ámbito estatal similar á dos produtos do tabaco” tal e como se recolle nos orzamentos presentados para o 2019.
A Organización pide ademais que se cumpran todos os compromisos reflectidos no acordo de orzamentos en relación cos xogos de azar e apostas en liña, como a “inclusión no marco regulador de medidas de información, xestión e limitación do consumo de xogos, que permitan reforzar a autoconciencia e autonomía do xogador para prácticas de consumo saudable e previr, anticiparse e, no seu caso, identificar a xeración de patróns de xogo problemático, mellorando a protección do consumidor”.
Para conseguir que se prohiba a publicidade de xogos de azar e apostas deportivas en España, como xa sucede noutros países próximos como Italia ou Bélxica, OCU puxo en marcha a campaña “Non cha xogues”, que xa conta co apoio de centos de persoas.
Segundo OCU, do mesmo xeito que ocorre co alcol ou o tabaco, este tipo de publicidade debería estar prohibida (fóra da Lotería Nacional polas súas características particulares), pois a súa adicción constitúe un grave problema no ámbito da saúde mental e ten consecuencias potencialmente desastrosas para os afectados e as súas familias.
Segundo datos da consultora Infoadex, en 2017 emitíronse 69.739 anuncios en televisión e rexistráronse máis de 2 millóns e medio de impresións publicitarias na internet sobre casas de apostas e casinos online. En 2018, esta cifra aumentou a 137.285 anuncios no caso da televisión e a máis de 14 millóns no caso das impresións publicitarias na internet.
OCU cre ademais que a combinación da publicidade (presente de maneira masiva en todos os soportes, incluíndo plataformas moi utilizadas polos adolescentes, como Youtube ou webs deportivas) e de que os mozos teñan a posibilidade de xogar ao seu alcance, fan que estes sentan máis atraídos cara ao xogo, algo especialmente perigoso entre os menores, xa que iniciarse pronto nas apostas aumenta o risco de desenvolver este tipo de adicción.
Outras peticións da campaña
Ademais de prohibir a publicidade, OCU pide a través desta campaña que se limite a proliferación de salóns de xogos e locais de apostas, especialmente preto das zonas máis vulnerables, establecendo unha distancia mínima con respecto a colexios, institutos, centros de formación e parques infantís.
Doutra banda, para evitar o acceso ao xogo dos menores, OCU pide que se esixan aos locais de apostas controis nos que sexa imprescindible probar a idade, con filtros de seguridade que identifiquen os usuarios na entrada ou no acceso á zona de apostas, así como que non se permita o uso de máquinas nas que se poida apostar sen filtros de identidade.
Ademais, OCU reclama que se aumenten as inspeccións en locais presenciais para asegurar que cumpren coa normativa, así como a necesidade de emprender campañas informativas e de concienciación dirixidas a pais, profesores e escolares que permitan sensibilizar sobre as consecuencias e riscos do xogo e as apostas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.