Piden ás CCAA que garantan máis transparencia no proceso de compra de medicamentos

As organizacións da campaña Non é San enviaron unha carta aos principais partidos políticos que concorren ás eleccións autonómicas para que lideren os cambios na relación entre a sanidade pública e a industria farmacéutica.
Publicado por o día 18/05/2019 na sección de Salud,Sanidad

As eleccións autonómicas son unha oportunidade para asumir compromisos nun asunto esencial para as comunidades autónomas: a política farmacéutica. En tan só catro anos (de 2014 a 2018), o gasto farmacéutico hospitalario creceu un 31% no conxunto das CCAA, pasando de 5200 a 6804 millóns de euros, segundo os datos do Ministerio de Facenda. Esta escalada débese en gran medida ao imparable incremento dos prezos dos medicamentos, especialmente dos máis innovadores e destinados a tratar enfermidades graves, como o cancro. Uns altos e inxustificados prezos que teñen como consecuencia unha diminución dos orzamentos que se dedican a moitas outras necesidades hospitalarias e de atención primaria ás que se enfrontan as comunidades autónomas a diario.

Por iso, Non é San, da que OCU forma parte, enviou hoxe unha carta aos principais partidos que concorren ás eleccións do próximo 26 de maio. Nela, reclaman o seu compromiso coa posta en marcha de medidas que contribúan a cambiar esta situación, facendo máis transparente a relación entre a sanidade pública e a industria farmacéutica. “Entendemos que as rexións poden ser impulsoras deste cambio desde as súas propias competencias e é o primeiro paso cara a un modelo máis san, libre de influencias”, afirma a campaña e sinala tres compromisos concretos na súa carta:

  • Asegurar a transparencia e a rendición de contas en materia de compra pública de medicamentos e tecnoloxías sanitarias.
  • Sanear o modelo de relación do sector público e dos seus profesionais sanitarios coa industria, impulsando normativas que regulen os conflitos de intereses e garantan a maior independencia de todas as decisións.
  • Planificar espazos de reflexión, debate e formación que aborden enormes retos como, por exemplo, o modelo de innovación biomédica, os altos prezos e o acceso equitativo aos medicamentos innovadores, a sobremedicalización e, en definitiva, a sustentabilidade do actual sistema sanitario.

OCU, a través de Non é San, convida os partidos políticos de cada unha das comunidades autónomas que concorren ás próximas eleccións a mostrar o seu compromiso con estes principios, asinando esta declaración través da súa páxina web e realizará un seguimento das propostas electorais en materia de política farmacéutica.

 
Carta dispoñible nesta ligazón