Política Social pon en marcha un cuestionario á disposición da mocidade para coñecer as súas inquedanzas e propostas ante o COVID-19

Con esta medida o Goberno galego pretende promover a participación da xuventude na sociedade e na mellora de programas e actividades
Publicado por o día 03/05/2020 na sección de Coronavirus,Social,Xunta de Galicia

Política Social pon en marcha un cuestionario á disposición da mocidade para coñecer as súas inquedanzas e propostas ante o COVID-19

A Consellería de Política Social pon á disposición das mozas e mozos un cuestionario online para coñecer a súa situación, as súas inquedanzas e tamén as súas propostas que poderán dar lugar a novas iniciativas ante a situación de emerxencia sanitaria derivada do COVID-19.

Con esta medida o Goberno galego pretende reforzar a relación directa coas persoas mozas cara abordar e estudar novos recursos e medidas no marco do novo escenario xerado por esta pandemia. Este cuestionario, que estará aberto ata o 14 de maio, consta de 15 preguntas de diferentes eidos para coñecer como está a pasar a mocidade esta situación e tamén que propostas teñen de cara o futuro.

As achegas deste método participativo serán un elemento fundamental a ter en conta na mellora continua dos programas e actividades que a Xunta de Galicia impulsa no ámbito da xuventude, ao tempo que axudan a promover a participación da mocidade na sociedade e a súa contribución nos procesos de aplicación e seguimento das políticas de xuventude.

En definitiva, este cuestionario público na páxina web de Xuventude é unha ferramenta coa que se pretende reforzar o papel das mozos e mozos como axente activo na construción e desenvolvemento da sociedade actual e futura.