Hai tanto que ver en Ponte Caldelas que é fácil despistarse. Co ánimo de agrupar e reforzar a información turística que se achega ao visitante, o Concello en colaboración coa Deputación Provincial, vén de colocar dous paneis interactivos no comezo do paseo da Calzada e na entrada ao núcleo de Tourón, nos que é posible descargar boa parte da información relevante sobre os fitos do municipio.
Os paneis, que contan cun código QR ou Bidi, abren o acceso a unha “app” que constitúe un auténtico paseo virtual por algúns dos elementos turísticos máis atractivos de Ponte Caldelas. Uns contidos aos que tamén é posible acceder a través da Internet, pois creouse un apartado vinculado ao portal do Concello. Basta con teclear a dirección www.pontecaldelas.org/bidi.
O alcalde, Andrés Díaz, en representación do Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) xunto co arqueólogo Alberte Reboreda, responsable do proxecto, estreou o servizo e comprobou a calidade da información que achega.
Sorprende o gran volume de datos, perfectamente clasificados por apartados temáticos, incluíndo fotografías e localización xeográfica. Destacan os apartados dedicados á arquitectura indiana, ao río Verdugo, aos roteiros, ás igrexas, á Área Arqueolóxica de Tourón e tamén a algúns elementos tan singulares como o calvario de Barbudo.
O traballo, subliñou o alcalde, é unha auténtica guía turística de Ponte Caldelas pois as imaxes son de gran calidade e inclúense explicacións sinxelas sobre as características de cada un dos preto de 100 elementos visitables recompilados.
O catálogo de casas indianas inclúe fotografía e descrición de cinco inmobles na aldea de Anceu e doutras 11 no centro de Ponte Caldelas. A arquitectura de Ponte Caldelas está moi presente, tanto que os paneis contan cun logotipo, que será utilizado a partir de agora como imaxe de Turismo de Ponte Caldelas. A imaxe reproduce a filigrana existente na fachada dunha das casas indianas de Anceu.
A mellora foi financiada no marco das subvencións da Deputación Provincial para a rehabilitación e sinalización turística do patrimonio histórico-cultural, dirixidas a concellos da provincia. Nesta convocatoria Ponte Caldelas logrou unha achega de 8.071,52 euros.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.