A vareadora de Turismo da Câmara Municipal da Pòvoa de Varzim, María Lucinda Campos, visitou o pasado sábado A Guarda co fin dar a coñecer e convidar aos guardeses e guardesas ás festas grandes da localidade portuguesa, que se celebrarán entre o 28 de xuño e o 7 de xullo na honra de San Pedro.
A edil lusa e o director da Biblioteca Municipal Rocha Peixoto, Manuel Costa, foron recibidos no auditorio de San Bieito polo alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e o secretario da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, Celso R. Fariñas.
O representante de Piueiro, asociación impulsora do recibimento, destacou durante o acto a «valiosa colaboración» de Pòvoa de Varzim no impulso da candidatura guardesa para acoller o próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. A décimo cuarta edición desta celebración da cultura marítima terá lugar finalmente no porto Guarda en xullo de 2019 e nela participarán, entre moitas outras, as tradicionais lanchas poveiras.
Segundo avanzou María Lucinda Campos, as Festas de São Pedro incluirán na súa programación (descargable aquí) unha exposición dedicada ao patrimonio histórico-cultural da Guarda presente na Póvoa de Varzim, cunha mostra etnográfica sobre as artes de pesca. Nesta liña, o rexedor local salientou o vínculo histórico de ámbolos dous pobos, «unidos por lazos ancestrais» dos que dan boa conta as marcas poveiras gravadas na estela que, xunto á ermida de Santa Trega, renden homenaxe á Póvoa de Varzim.
Os representantes poveiros e guardeses aproveitaron o encontro para realizar un intercambio folclórico e cultural coa actuación do grupo guardés de gaitas A Boalheira e a Rusga da Pòvoa, na que se representan os 6 barrios da cidade (Matriz, Norte, Sul, Mariadeira, Regufe e Belém). Ao remate do acto, as persoas asistentes puideron gozar dunha degustación de rabanadas poveiras, un doce típico da localidade portuguesa elaborado a base de ovos, pan, leite, azucre e canela.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.