Preto de 600 aspirantes realizaron hoxe a oposición a prazas de axuliar dadministrativo/a no Ifevi cun exhaustivo protocolo de seguridade

A Deputación puxo en marcha un complexo operativo para garantir a protección co aluguer de dous pavillóns do IFEVI, en Vigo, cinco quendas diferentes, desinfección de mesas e cadeiras e control de colas e aglomeracións
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vigo

Cun operativo de seguridade sen precedentes celebrouse hoxe o primeiro exercicio das probas para cubrir 8 prazas de auxiliar administrativo/a na Deputación de Pontevedra. A convocatoria, á que se presentaron un total de 589 aspirantes, tivo lugar no recinto feiral de Vigo (IFEVI), onde, por primeira vez, foi necesario alugar dous pavillóns diferentes.

A Deputación elaborou un detallado protocolo que ten a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que completou e deu o visto bo á realización dunhas probas que requiriron dun operativo sen precedentes e da reserva dos pavillóns números 4 e 5 do recinto feiral vigués. A institución provincial, que reserva o IFEVI para os procesos máis multitudinarios, nunca tivera a necesidade , ata o de agora, de dobrar o espazo.

O operativo que hoxe se puxo en marcha incluíu tamén o acceso por 5 portas diferenciadas, todas elas con persoal de control, para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan de tódalas vías de circulación. Finalmente, regulouse un procedemento de información polo miúdo sobre as normas de seguridade de obrigado cumprimento antes da entrada e do comezo das probas de cada unha das quendas.

Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá, diante da necesidade de repartir ás persoas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas. Quedaron sentadas en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas a carón de cada extremo e na mesma orientación. Á vez garantiuse unha separación ampla entre tódalas mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada unha das quendas. O protocolo inclúe tamén un rexistro completo de tódolos asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes.

O proceso selectivo que comezou hoxe (inclúe dúas probas máis) está destinado a cubrir 8 prazas de auxiliar-administrativo/a na Deputación polo sistema de concurso-oposición ao estar encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado no ano 2018 para a consolidación de emprego e a redución da temporalidade na institución. O Plan de Estabilización implica, entre outras cousas, a celebración de 118 procesos selectivos para a cubrir un total de 257 prazas correspondentes ás Ofertas Públicas de Emprego de 2017, 2018 e 2019, obrigando a un gran despregue de traballo nos servizos de Persoal.

Por motivos de seguridade, diante da pandemia, as probas con ata 10 aspirantes estanse celebrando no salón de actos do Edificio Administrativo, as máis numerosas no salón de actos do Museo e, cando é preciso, no edificio da Escola de Cantería. Cando o número de persoas aspirantes supera as 60 utilízase o Instituto Feiral de Vigo. No marco das medidas aprobadas na Deputación para combater os efectos da pandemia, as persoas diagnosticadas con covid19, as que estean en illamento ou corentena ou as que teñan síntomas compatibles teñen o dereito, en función do principio de igualdade no acceso ao emprego público, de solicitar unha segunda convocatoria.