Preto dun cento de estudantes participan no campus no II Mentor Day

Déronlles a benvida o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Fundación Mentor, Andrés Fernández
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Preto dun cento de estudantes participan no campus no II Mentor Day

Preto dun cento de estudantes participaron este mércores no campus no II Mentor Day, unha actividade organizada pola Fundación Mentor, integrada por unha vintena de empresas e bufetes de avogados da cidade de Vigo e a súa contorna, en colaboración coa Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Con esta xornada ponse o broche de ouro ás actividades de formación que a fundación levou a cabo ao longo de todo o curso pasado nesta facultade e nas que participaron 65 estudantes do Programa de Simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas e Dereito, e 24 dos graos en Economía e ADE.

Déronlles a benvida o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Fundación, Andrés Fernández, que foron tamén os encargados de entregarlles os diplomas acreditativos de ter realizado o curso pasado o programa de formación deseñado para eles pola Fundación Mentor e no que se inclúen actividades de creación de equipo, comunicación e xestión de conflitos, produtividade persoal, creatividade individual e en equipo, innovación, entrevistas e protocolo.

Ao finalizar o acto, celebrado a mediodía na sala 1 do edificio Miralles, tivo lugar un pequeno ágape co que conseguir, a xuízo do decano da facultade, o profesor Jorge Falagán, o principal obxectivo do evento: “que tanto os patróns da fundación como os estudantes teñan a oportunidade de charlar e de intercambiar impresións”.

Actividades dirixidas a facilitar o salto ao mundo laboral

Co reitor da Universidade de Vigo como presidente de honra, a Fundación Mentor, de carácter privado e sen ánimo de lucro, constituíuse en 2017 en Vigo para facilitarlle ao alumnado universitario, sobre todo ao do ámbito xurídico-empresarial, o salto ao mundo laboral. Para conseguilo formularon como un dos seus obxectivos fundamentais a organización e financiamento de diferentes actividades dirixidas á formación en materias que non son académicas nin están presentes nos plans de estudo, pero que, ao seu modo de ver, resultan claves para o desenvolvemento profesional das tituladas e titulados.

O programa formativo do que este mércores se recolleron os diplomas é unha actividade de carácter totalmente gratuíto e inscrición voluntaria. Este ano, ao igual ca na anterior edición, volverá impartirse nas aulas de CC Económicas e Empresariais e as sesións concentraranse “ao principio de cada cuadrimestre para que así non lles afecte negativamente aos seus resultados académicos”, explica Falagán. Impartidas por profesionais especializados, as clases combinarán sesións plenarias con tarefas doutro tipo nas que se traballarán múltiples cuestións relacionadas con temas de intelixencia emocional, comunicación e oratoria, liderado e xestión do tempo.