O acceso aberto á literatura científica é un movemento internacional que supón un cambio de modelo no funcionamento da comunicación dos coñecementos científicos. Este movemento, tamén coñecido polo termo inglés open access, nace na última década do século XX e, en poucos anos cobra unha enorme importancia. No caso da Universidade de Vigo puxéronse en marcha diferentes iniciativas de promoción deste movemento, a última a sinatura da Declaración de Berlín sobre acceso aberto ao coñecemento en Ciencias e Humanidades -suscrita por máis de 600 institucións gubernamentais, universidades, centros de investigación, fundacións e sociedades científicas e profesionais de todo o mundo- e a difusión en aberto do libro Técnicas estadísticas con hoja de cálculo y R: azar y variabilidad en las ciencias naturales, dos profesores Miguel Ángel Mirás Calvo e Estela Sánchez Rodríguez.
Ademais do seu interese para a aprendizaxe e a docencia, este libro, en palabras de Gerardo Marraud, director da Biblioteca -e agora tamén responsable do Servizo de Publicacións-, “debe marcar un fito na propagación e difusión do acceso aberto ao coñecemento científico na nosa Universidade”. Motiva as palabras de Marraud o desexo expreso dos autores do libro de difundilo en aberto. Houbo que agardar dous meses desde a súa publicación en papel e, transcorrido este tempo, xa está dispoñible unha versión open acess no repositorio Investigo a través dunha licenza Creative Commons do tipo BY-ND-NC. En síntese, trátase dunha licenza mediante a cal os autores permiten a calquera persoa con acceso a internet a lectura, descarga, reprodución e distribución do libro a condición de que en todo momento se cite e se recoñeza aos seus autores, non se efectúen obras derivadas a partir do mesmo (traducións, adaptacións, actualizacións, compendios, etc.) e que en ningún caso se utilice a obra con finalidade comercial.
“Non podemos menos que felicitar aos docentes Miguel Ángel Mirás e Estela Sánchez pola súa iniciativa e albergar a esperanza de que cunda o seu exemplo entre os nosos investigadores e investigadoras”, explica Gerardo Marraud, quen lembra que todo isto é posible grazas a que en 2016 se puxo en marcha o repositorio institucional Investigo, unha ferramenta concibida para facilitar o cumprimento das disposicións relativas á difusión en aberto dos artigos de investigación e as teses de doutoramento que conteñen a Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación e o Real Decreto regulador dos ensinos oficiais de doutoramento, pero que permite tamén o depósito e difusión en aberto doutros tipos de documentos de investigación como libros, capítulos ou relatorios e comunicacións a congresos e reunións científicas.
Un manual básico para estudar problemas reais
Miguel Ángel Mirás e Estela Sánchez son profesores dos departamentos de Matemáticas e de Estatística e Investigación Operativa, investigadores dos grupos Rgea e Sidor, que levan impartindo distintas materias de Matemáticas e Estatística de graos e másteres na Universidade de Vigo desde a década de 1990. A experiencia docente acumulada ao longo destes anos proporcionoulles materiais, recursos e metodoloxías que puxeron en práctica nas súas clases. “Pensamos que podería ser de utilidade xeral plasmar esta experiencia como un compendio da estatística básica que debería coñecer un graduado en ciencias ou un investigador ou investigadora novel”, explican os docentes. “Hai moitos libros bos de estatística, aínda que non son moi numerosos aqueles con aplicacións concretas á Bioloxía ou ás Ciencias do Mar”, recalca Sánchez.
Azar e variebilidade son, a xuízo dos seus autores, os dous termos que mellor definen os contidos deste libro. Nel introducen as técnicas estatísticas básicas axeitadas para extraer conclusións relevantes da información recollida nun experimento deseñado para estudar un problema real. Vai dirixido a calquera lector/a interesado en ter unha visión práctica e intuitiva das principais ideas e técnicas estatísticas, desde a universidade á empresa. “En particular é útil para quen estude ciencias experimentais, tanto para quen se inicia como para aquel que quere adquirir o nivel básico estatístico para continuar con estudos de máster ou empezar a carreira investigadora”, explica Mirás.
Inmediatez, garantía e rigor no acceso á información
Con respecto a que motivos os levaron a difundir unha copia do libro en acceso aberto, ambos docentes salientan que esta non é a primeira vez que empregan este sistema e que, hai xa máis de dez anos, puxeron a disposición da comunidade un programa de cálculo e representación gráfica de xogos cooperativos. “Sabemos que se emprega en todo o mundo e, de feito, estamos pensando en facer unha actualización importante”, recalcan os autores, ao tempo que fan fincapé en que a sociedade demanda cada vez máis o open access e, en poucos anos estará completamente estendido. “Todo o mundo busca a inmediatez case ao segundo e, desde a Universidade debemos contribuír a pór a disposición de todos o noso propio material en acceso aberto, uns instrumentos cunha garantía de rigor e calidade que ofrezan unha alternativa constrastada”, recalcan os autores.
No caso das publicacións científicas, ademais da inmediatez, o acceso, os índices e os factores de impacto condicionan enormemente o traballo de científicas e científicos. “Para nós, que realizamos investigacións case totalmente financiadas con recursos públicos, resulta cando menos paradoxal que a difusión dos resultados científicos estea limitada ou condicionada”, explica Mirás. “Ao noso entender non debería ser así, polo que facilitar o acceso libre ás publicacións científicas mediante, por exemplo, convenios entre as editoriais e as institucións ou organismos científicos, parécenos a liña para seguir”, recalca Sánchez.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.