Publicadas as Bases de participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020 na Guarda

Repartiranse máis de 3.000€ en premios nas diferentes categorías
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,A Guarda

Publicadas as Bases de participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020 na Guarda

O Concello da Guarda ven de facer pública esta mañá as Bases de Participación no Desfile-Concurso de Entroido 2020, que terá lugar o vindeiro martes día 25 de febreiro ás 17:30h dende a Praza de San Bernardo(“Esquina Famosa”) e que percorrerá as rúas Galicia e Rosalía de Castro ata a Alameda da Guarda, co obxectivo de manter a tradición local a través da participación de tódolos veciños e asociacións da localidade.

As bases de participación se poden consultar na web municipal www.aguarda.es  e na sede electrónica http://aguarda.sedelectronica.gal/info.0. sendo preciso cubrir o formulario de participación e a documentación solicitada e formalizar a inscrición entre o 11 e o 20 de febreiro, ben no rexistro municipal(en horario de 9:00h a 14:00h de luns a venres) ou na sede electrónica. Poderán remitirse inscricións por vía postal, seladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude, de xeito que quede constancia da entrega dentro do prazo establecido. Para garantir este feito, rógase adiantar por email a cultura@aguarda.es a copia da solicitude selada na oficina de Correos. Ó igual que o resto de solicitudes, estas inscricións só terán validez se veñen acompañadas da documentación obrigatoria.

Ao igual que en anos anteriores contarase con varias categorías de participación, con opción a compensación económica ou libre, destacando as carrozas, as comparsas ou os grupos, con premios que superan en total os 3.000€.

A Concellería de Cultura quere animar un ano máis á xente da vila da Guarda, con especial mención ós nosos nenos, a participar no desfile de Entroido, aínda que non sexa na modalidade concurso, para encher de colorido as nosas rúas nun ambiente festivo e de lecer.