Este domingo, 8 de abril, fanse quince anos do asasinato do cámara ferrolán José Couso e do xornalista ucraíno Taras Protsyuk, mortos cando o hotel de Bagdad que acollía á prensa internacional que cubría a guerra de Irak recibiu o disparo dun tanque do exército dos Estados Unidos. O mesmo día morreu tamén o xordano Tarek Ayub nun ataque contra a oficina de Al Jazeera.
Tras unha longa batalla xudicial que comezou no 2003, a morte do camarógrafo segue sen ser xulgada. A reforma da Lei de Xustiza Universal no ano 2014, levaba finalmente ao arquivo e ao sobresemento da causa. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa lamentou no seu día unha reforma que deixa indefensos aos xornalistas ou cooperantes en territorios onde se produzan conflitos armados. Unha proposición de lei no Congreso e un recurso ante o Tribunal Constitucional tentan hoxe recuperar o principio da Xustiza Universal para o noso ordeamento xurídico.
Manter a memoria e a loita do caso de José Couso é loitar tamén pola liberdade de información e o libre exercicio do xornalismo. Desde 2004, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol honran a memoria do camarógrafo organizando o Premio de Liberdade de Prensa que leva o seu nome. Este ano, Nacho Carretero, Ramón Chao, Zehra Doğan e Julia Otero son os candidatos a ser premiados co XIV Premio Couso.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.