O frenético proceso de cambios ao que está sometida a bolsa esixe unha permanente actualización de coñecementos e consolidación de capacidades. Neste contexto, a Universidade de Vigo volve lanzar unha nova convocatoria, e xa van XVII, do seu Curso de formación de Introdución á bolsa, unha actividade na que as e os participantes poderán facerse cunha idea clara de como funciona o mercado bolsista e entender mellor, de cara a investimentos futuros, como deben tomarse as decisións nun mercado que “cada vez máis constitúe unha alternativa de aforro, tanto para particulares como para institucións”, explica o seu coordinador, José Luis Sáez Ocejo, ao que engade que “permite obter unha rendibilidade relevante fronte a outro tipo de investimentos, aínda que sexa a costa de asumir un maior risco”.
Esta nova edición do curso arrancará o vindeiro luns día 28 na EU de Estudos Empresariais na rúa Torrecedeira e prolongarase ata o 7 de novembro. O prazo de inscrición –a través da plataforma Bubela- manterase aberto ata o mesmo día de inicio do curso, lembrando desde a organización que esta actividade se dirixe tanto ao alumnado universitario como a persoas alleas á comunidade.
Desmitificar o mundo da bolsa
Visto como algo complexo pola maioría dos estudantes, un dos obxectivos desta iniciativa é achegar os mercados bolsistas e facelos máis accesibles aos participantes. “É un curso de introdución cunha linguaxe próxima”, apunta José Luis Sáez Ocejo, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e director desta iniciativa xunto con Trinidad González-Portela. “Calquera alumno pode participar, a finalidade é que lle soe a temática e que comece a empregar no día a día os criterios aprendidos”, recalca o coordinador do curso.
A formación cumpre este ano a súa décimo sétima edición e os organizadores esperan unha acollida similar aos anos anteriores, nos que sempre se contou cunha media de entre 22 e 30 participantes, maioritariamente estudantes da UVigo, pero tamén persoas alleas que queren adquirir unha serie de datos básicos sobre o mercado de valores. . “En xeral os resultados son sempre moi satisfactorios“, sinala Sáez Ocejo, quen salienta que o alumnado procede, sobre todo, de titulacións do ámbito das ciencias sociais, comercio e ADE, “aínda que nos últimos anos hai maior participación de estudantes de ramas tecnolóxicas”, engade o coordinador, quen lamenta que a presenza de alumnas no curso sempre acostuma a ser menor que de alumnos, “de cada dez participantes, só tres adoitan ser mulleres”.
Profesionais do sector achegarán no curso as súas experiencias
Ao longo das 34 horas que dura o curso impartiranse sete módulos teóricos que achegarán ás persoas matriculadas temáticas como o funcionamento do mercado, o ciclo económico bolsista ou a xestión do patrimonio persoal, tanto a través de charlas como de sesións prácticas que se apoiarán en diferentes programas informáticas. “Ademais, os alumnos e alumnas tamén participarán nun divertido xogo de bolsa durante todo o curso, no que simularán un proceso de compravenda de accións do IBEX 35”, explica Sáez Ocejo.
O curso será impartido por profesores do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, entre eles Irene Garrido Valenzuela, ex-secretaria de Estado de Economía, e diferentes profesionais do sector que achegarán as súas experiencias. “Dende a primeira edición mantense máis da metade do profesorado, para eles e para min este curso é como parte de nós”, conclúe Sáez, quen lembra que o prezo de matrícula é de 50 euros para o alumnado matriculado en graos oficiais da UVigo, 100 euros para o resto de integrantes da comunidade universitaria e 120 para as persoas alleas a ela.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.