Renfe e o Concello de Vigo colaborarán para favorecer o uso do tren e potenciar o turismo ata a cidade

O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2019
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de Galicia,Concello de Vigo,Vigo

Renfe e o Concello de Vigo colaborarán para favorecer o uso do tren e potenciar o turismo ata a cidade
Abel Caballero, alcalde en funcións de Vigo e presidente da Fundación Vigo Convention Bureau, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, subscribiron hoxe un acordo de colaboración co obxecto de promocionar conxuntamente o uso do tren e a cidade de Vigo como destino turístico e de negocios.
 
Grazas a este acordo, a Fundación ou calquera institución que organice un congreso ou evento, organizadores profesionais de congresos e axencias de viaxe poderán ofrecer aos asistentes e expositores estes descontos especiais nos billetes de Renfe Viaxeiros. Renfe comprométese a ofrecer a todos os asistentes e expositores de todas as actividades levadas a cabo pola Fundación un desconto do 35% sobre a tarifa xeral nos billetes de ida e volta.
 
Este desconto será válido para viaxar en todas as clases de trens AVE, Longa Distancia, en todos os traxectos de percorrido nacional, previa solicitude en http://www.renfe.com/viajeros/tarifas/eventos.html (a oferta é válida para Congresos ou Feiras de carácter profesional que reúnan a máis de 75 persoas que utilicen o tren nos seus desprazamentos).
 
Tanto Renfe como a Fundación Vigo Convention Bureau comprométense a promocionar e a publicitar a Renfe como “Transportista Oficial”, durante a vixencia do acordo ata o 31 de decembro de 2019.
 
A Fundación Vigo Convention Bureau ten como fin e obxecto da súa actividade promocionar o comercio e o turismo a través da organización de feiras de mostras, exposicións, certames comerciais, e demais manifestacións de carácter social e promoción e organización de todo tipo de congresos, convencións, eventos e viaxes de incentivo, que poidan servir para a promoción e desenvolvemento das actividades turísticas de Vigo como destino turístico.