O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe a oportunidade que o Xacobeo 2021 supón para a cultura galega, un evento “que xogará un papel fundamental á hora de proxectar o talento dos nosos creadores”. Neste sentido, salientou a importancia de que este acontecemento “exerza como un verdadeiro revulsivo para o noso sector cultural nun momento tan delicado por mor da crise sanitaria”.
Así o manifestou durante o acto de presentación do libro Facer Camiño, que compila as 23 obras da mostra do mesmo nome, así como un resumo dos ciclos de conferencias, organizada nos últimos meses xunto á Real Academia de Belas Artes, cuxo presidente, Manuel Quintana Martelo, tamén participou na presentación. O titular do departamento de Cultura da Xunta explicou que precisamente esta exposición demostrou que se pode “seguir gozando da cultura dun xeito seguro a través dunha programación de calidade, accesible e que chegue a toda Galicia”.
Explicou que o principal valor de Facer Camiño, tanto no relativo á exposición como ao seu libro, é o de presentar unha dobre vertente. Neste sentido, combínase unha selecta escolma da mellor arte contemporánea feita na nosa Comunidade, fiada a través de citas e referencias á peregrinación xacobea, e que á vez nos aproxima “a un fenómeno como o Camiño de Santiago desde a óptica da creación no momento no que damos comezo ao Xacobeo 2021”.
Román Rodríguez quixo agradecer ao presidente e á comisaria da mostra, Asunta Rodríguez, o traballo á hora de facer realidade tanto a exposición como o libro que hoxe se presenta. Puxo en valor, así mesmo, o labor da “extraordinaria nómina de artistas que participaron nesta mostra, membros de diferentes xeracións que están entre os nosos artistas máis coñecidos e valorados”; e agradeceu a colaboración dos distintos espazos e dotacións culturais que acolleron esta exposición nas sete cidades galegas e nas vilas de Cee, Tui e Mondoñedo.
Miradas sobre o Xacobeo
Organizada pola Real Academia Galega das Belas Artes (RAGBA) co apoio da Xunta, a mostra Facer Camiño é unha escolma de 23 pezas, entre as que se inclúen pinturas, esculturas e fotografías, enfiadas por citas e referencias á peregrinación xacobea e á súa meta de autores tan destacados como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco.
Nela participan algúns dos máis destacados artistas galegos que achegan a súa visión da arte e o Camiño de Santiago, todos eles pertencentes á RAGBA: Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.