‘Rugby Touch’, ‘quidditch’ e baloncesto 3×3 para celebrar Semana Europea do Deporte

Ana Iglesias acadou dous segundos postos na City Race de Orientación Tour en Zagreb
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

‘Rugby Touch’, ‘quidditch’ e baloncesto 3×3 para celebrar Semana Europea do Deporte

Co gallo da celebración da quinta edición da Semana Europea do Deporte, a Área de Benestar Saúde e Deporte organiza, a partir de maña, tres actividades abertas á comunidade universitaria e tamén a persoas alleas a ela. O rugby touch, unha modalidade na que nin se placa, nin se derruba ás e aos contrarios, iniciará este martes as actividades da Semana Europea do Deporte no campus de Vigo cunha sesión entre as 18.30 e as 20.00 horas, que se repetirá os días 26 de setembro e 1 e 3 de outubro, e na que poderán participar todos os membros da comunidade universitaria que o desexen. “Esta é unha iniciativa da Comisión Europea que comezou hai cinco anos e que se celebra as últimas semanas de setembro co obxectivo de facer un chamamento á poboación para que sexa máis activa e saudable”, lembra Javier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, que destaca que a Universidade de Vigo participou nesta iniciativa desde a súa creación, acadando incluso un galardón pola organización dunha actividade de xeocatching.

As actividades da Semana Europea do Deporte, nas que as persoas interesadas poden inscribirse a través de Xescampus, continuarán o mércores con quidditch, unha adaptación ao mundo real do xogo practicado polos personaxes da saga Harry Potter no colexio Hogwarts. Neste caso, a sesión desenvolverase a partir das 13.30 horas. O 30 de setembro será a quenda para o baloncesto 3×3, unha actividade na que poderán participar equipos mixtos de 4 a 5 xogadoras e xogadores, nos que unha ou un dos seus integrantes pode ser alleo á comunidade universitaria.

Resultados deportivos da fin de semana en orientación, atletismo e tenis

A derradeira fin de semana do verán deixou resultados dispares para os equipos federados universitarios. Porén, unha das mellores noticias deportivas chegou de Zagreb, onde Ana Iglesias obtivo dous segundos postos nas carreiras de sprint na 5ª proba do City Race de Carreiras de  Orientación Tour 2019. A cita, na que participaron corredores de 22 países, estaba composta por tres probas e nela tomaron parte catro membros do equipo de orientación da Universidade de Vigo. Xunto cos bos resultados de Iglesias, outros tres corredores vigueses oscilaron entre o 8º e 14º posto nas distintas probas.

Por outra banda, o equipo de atletismo participou na carreira de 7K celebrada en paralelo co triatlón Desafío Illas Cíes. A proba, na que participaron 99 persoas, transcorreu por circuíto entre o Vao e Samil coa única dificultade da subida a Canido. A Universidade de Vigo estivo representada por catro deportistas, entre os que destacou Jorge Fernández Rodríguez, que acadou o segundo posto na categoría por idade B masculina e a décima posición na xeral absoluta.

Pola contra, o equipo +35 de tenis da UVigo volveu perder na segunda xornada da competición ante o Tenis Pontevedra, un dos equipos máis fortes da competición e da zona sur galega.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.