Fernán Yáñez de Sotomayor, o Moi Ousado, casou con Leonor Mexía e do seu matrimonio naceu Álvaro Páez de Sotomayor, quen faleceu en Tui en 1468 defendendo a cidade contra o ataque dos Irmandiños. Ante a súa falta de descendencia, o fillo bastardo de Fernán Yáñez e Constanza de Zúñiga, Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga, herdou o castelo e o nome da familia. Este nobre, no que se centra esta historia, ademais de ser señor de Soutomaior tamén era conde de Camiña, vizconde de Tui e mariscal de Baiona. Conseguiu facer do castelo o centro neurálxico do sur de Galicia no século XV, e con el a liñaxe dos Sotomayor e a súa fortaleza viviron os seus anos de maior esplendor, pero tamén os máis controvertidos.
Foi protagonista doutros moitos acontecementos que alimentaron o seu mito, entre os que destacan as disputas que mantivo con Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela, e con Diego de Muros, bispo de Tui; ou o seu posicionamento como partidario da Beltranexa durante a Guerra de Sucesión. Ademais, o seu fillo, Álvaro de Sotomayor, liderou unha rebelión contra a figura do seu pai e usurpoulle o señorío co consentimento dos Reis Católicos. Como consecuencia, Pedro Madruga refuxiouse en Portugal e deixoulle ao seu fillo no testamento unicamente cinco reais. Pedro Madruga morreu misteriosamente en Alba de Tormes, a onde viaxara grazas á intercesión do duque de Alba para pedirlle audiencia ao rei, se ben esta nunca chegou a ter lugar. Finalmente, Álvaro de Sotomayor sucedería a Pedro Madruga, pois así o dispuxo a lexítima herdeira do señorío, a súa tía avoa Mayor de Sotomayor.
A morte de Pedro Madruga foi un misterio, pero a verdadeira incógnita é que tras a súa morte apareceu a figura de Cristóbal Colón, que compartía amigos e inimigos co anterior, que protexía os fillos de Pedro Madruga e que bautizaba os lugares descubertos no Novo Mundo coa toponimia das Rías Baixas. A teoría di que a causa do cambio de identidade radicaría na tradicional inimizade entre Pedro Madruga e os Reis Católicos, motivo polo que o primeiro cambiaría de nome para confiarlles os seus segredos sobre navegación portuguesa a cambio de importantes concesións.
Pontevedra alberga, tanto na costa coma no interior, un patrimonio defensivo que mantén unha importante conexión coa figura de Pedro Madruga e con outros membros da liñaxe dos Sotomayor.
1. O castelo de Soutomaior: aínda que se descoñece a súa datación exacta, a primeira etapa do castelo iníciase na Idade Media, probablemente nos últimos cen anos dese período. Esta fortaleza desempeñou un papel importante en acontecementos transcendentais na historia de Galicia.
2. A torre de Fornelos (Crecente): foi derribada polos Irmandiños na revolución de 1467 e reconstruída por Pedro Álvarez de Sotomayor. Tras a declaración de paz entre os Reis Católicos e a coroa portuguesa houbo unha restitución xeral de propiedades e esta torre pasou a mans de Pedro Madruga.
3. O castelo de Sobroso (Mondariz): ao igual que o castelo de Salvaterra de Miño, xogou un importante papel nas loitas señoriais entre os Sotomayor e os Sarmiento. Foi tomado por Pedro Madruga, que o perdeu durante o período de 1477 a 1478 a causa do seu presidio en Benavente, aínda que máis tarde o recuperou.
4. O castelo de Salvaterra de Miño: pola súa situación estratéxica foi continuamente disputado polos Sotomayor e os Sarmiento, en pugna pola hexemonía do bispado tudense. Os Reis Católicos ordenaron apoiar a Pedro Madruga na toma de posesión das fortalezas de Salvaterra de Miño e Fornelos.
5. A cidade de Tui: igual que os seus predecesores, Pedro Madruga exerceu a encomenda sobre a igrexa de Tui, pero tivo un conflito permanente cos propios bispos, o que fixo que se puxese o título de vizconde de Tui.
6. A fortaleza de Monte Boi (Baiona): actualmente é máis coñecida como Parador de turismo ou como a fortaleza de Monterreal. Os Reis Católicos nomearon gobernador desta a Garci Méndez de Sotomayor, casado con Constanza de Sotomayor, filla do conde de Camiña, Pedro Madruga.
7. A cidade de Vigo: na metade do século XV Pedro Madruga obtivo de Enrique IV un interese de 150.000 marabedís sobre as rendas reais de Vigo, Redondela e Pontevedra. Isto ocasionoulle un enfrontamento permanente co arcebispo Alonso de Fonseca, ao que lle pertencía a xurisdición destas cidades.
8. A torre da Lanzada (Sanxenxo): data da época sueva e son os únicos restos dunha fortaleza levantada polo bispo Sisnando no século X. Formaba parte dun sistema defensivo que alertaba da chegada dos viquingos á ría de Arousa por medio de fogueiras. Sufriu as consecuencias da rebelión irmandiña e consta que o seu derrocamento foi dificultoso debido á súa situación e estrutura.
A orixe do alcume de Pedro Álvarez de Sotomayor vén dada polo preito que mantivo co conde de Ribadavia polos límites de xurisdición, que os levou a acreditar ante notario que resolverían esta cuestión saíndo ambos a cabalo dos seus respectivos castelos cando cantase o galo. Así establecerían o linde definitivo no lugar no que se atopasen. Pedro adestrou un galo para que cantase cando batese as palmas e fíxoo cantar durante a noite, de modo que ao amencer xa estaba en Ribadavia. O conde ao avistalo díxolle “Madrugas, Pedro!”. E ti, madrugas?
Descarga PDF ‘Ruta Madruga: unha viaxe ás fortalezas de Rías Baixas’
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.