Salvemos O Iribio precinta as máquinas de Fergo Galicia Vento instando á Xunta a paralizar as obras

Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Social,Medio Ambiente

Salvemos O Iribio precinta as máquinas de Fergo Galicia Vento instando á Xunta a paralizar as obras

A Plataforma Salvemos O Iribio, da que forman parte máis dunha vintena de organizacións ecoloxistas, culturais, veciñais e políticas, realizou un acto simbólico no día de onte para amosar o rexeitamento das obras do parque eólico de Fergo Galicia Vento na mítica serra courelá do Iribio, zona de Rede Natura 2000, ZEC, ZEPVN, zona de campeo do Oso Pardo, BIC Camiño de Santiago e candidata a Reserva da Biosfera.

O acto consistiu en precintar os camións da obra como símbolo da paralización á que a Xunta debera estar instando á empresa Fergo Galicia Vento, dado que está a realizar as obras en contra da lexislación ambiental vixente que prohíbe a colocación de parques eólicos en zona de Rede Natura, ademais de xa ter destruído parte do antigo Camiño Real, un neveiro e ter invadido o terreo de protección dunha mámoa, sen que se derivasen responsabilidades.

Malia que o pasado 14 de agosto se publicou a resolución favorable ao proxecto definitivo deste parque, vulnerando manifestamente a lexislación ambiental, as obras estanse a desenvolver tamén en contra dos condicionantes ambientais e de carácter cultural que marca o propio proxecto, como son, entre outros, a falta de cumprimento do artigo 60 do Plan Director da Rede Natura ou a falta dun informe arqueolóxico, previo ao inicio das obras, tanto dos camiños de acceso como da poligonal do parque.

A plataforma Salvemos O Iribio insta de novo e de maneira urxente á Xunta a paralizar as obras, xa que se poderían estar exercendo danos irreparables tanto para o espazo natural protexido como para o patrimonio histórico-cultural ligado ao Camiño de Santiago e ao antigo Camiño Real.

PETICIÓN EN CHANGE.ORG

Por outra banda, a plataforma Salvemos O Iribio vén de iniciar unha petición de apoios a través do portal Change.org para que a Xunta cumpra a normativa vixente e impida a colocación de parques eólicos en zonas de Rede Natura. A petición vai dirixida ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, ao Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e aos concellos de Samos e Triacastela.

https://www.change.org/p/alberto-nu%C3%B1ez-feij%C3%B3o-salvemos-o-iribio