Se es unha ou un auténtico ‘gamer’ esta é a túa oportunidade para demostralo e facer historia

O prazo para inscribirse para formar parte do equipo remata o 13 de outubro
Publicado por o día 09/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Se es unha ou un auténtico ‘gamer’ esta é a túa oportunidade para demostralo e facer historia

Os videoxogos tamén teñen a súa propia competición e a Universidade de Vigo participa dende 2016 na liga University Esports, unha plataforma nacional xestionada por GGTech Entertainment S.L. O seu obxectivo é difundir os deportes electrónicos no ámbito universitario, poñendo o acento en valores como o traballo en equipo, esforzo e deportividade, e facilitando ao alumnado vivir experiencias na competición profesional. Thunders é o equipo da Universidade de Vigo que dende o curso 2016/2017 representa á institución académica viguesa na University Esports, que concentra a celebración de seis grandes ligas dos principais videoxogos online do momento. A competición divídese en catro conferencias: Terra, Ignis, Aer e Aqua, nas que equipos compostos por estudantes das universidades de todo o país enfróntanse por converterse no mellor de España, que ademais será o representante nacional no Campionato Europeo University Esports Master. O equipo Thunders UVigo milita na conferencia Aer, onde se enfronta a equipos das universidades de A Coruña, Zaragoza e Navarra, entre outras.

Os videoxogos que forman parte da competición son League of Legends, un xogo multixogador de tipo MOBA da empresa Riot Games onde os equipos enfróntanse para  destruír o nexo do equipo rival. Outro dos máis coñecidos é Hearthstone, un xogo de cartas de estratexia da empresa Blizzard no que dúas persoas compiten cos seus mazos por ver quen é quen  de vencer ao seu contrincante. Tamén se compite no Clash Royale, no Counter Strike: Global Offensive, no Teamfight Tactics, e finalmente no Brawl Stars, un xogo móbil da empresa Supercell con múltiples modos de xogo no que se precisan equipos de tres persoas.

Novos retos e expectativas

A Universidade de Vigo uniuse a competición University Esports na súa segunda tempada e conseguiu chegar nese ano á final de España no League of Legends, cun equipo formado por estudantes das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industriais e de Enfermaría. Dende entón o equipo Thunders traballou duro e foi quen de chegar a finais de conferencias en Hearthstone Clash Royale en varias ocasións. “Para este ano seguimos tendo expectativas altas, e esperamos fichar os verdadeiros talentos da universidade para seguir defendendo á Universidade de Vigo no panorama nacional”, sinala Jaime González, secretario da Delegación de Alumnos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e abandeirado do equipo.

Este ano Thunders precisa incorporar novas e novos integrantes e con este obxectivo xa está aberto o prazo para que todo o alumnado poida inscribirse, para o que só cómpre estar matriculado nalgunha titulación da Universidade de Vigo no presente curso, ben sexa en grao, mestrado ou posgrao. Os responsables de Thunders queren compromiso das e dos participantes e que “dean o mellor de si mesmos, xa que competirán por premios moi interesantes, así como por dotacións económicas, en forma de bolsas, ademais da posibilidade de competir na liga europea”, apunta Jaime González. O prazo de inscrición está aberto ata o 13 de outubro e as persoas interesadas poden atopar toda a información na conta de Twitter do equipo (@Thunders_UVIGO) e a través da páxina web https://universityesports.es/.

“En total, esperamos poder incorporar cinco persoas para o League of Legends, unha para o Hearthstone, tres para o Clash Royale, unha para o Teamfight Tactics, tres para o Brawl Stars e cinco persoas para o Counter StrikeGlobal Offensive”, detalla o abandeirado dos Thunders. Para elixir as e os integrantes de cada equipo, celebraranse competicións internas na Universidade.