Subvención destinada a Asociacións de mulleres e federacións de mulleres constituídas por estas, sen ánimo de lucro.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para o 2018 das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e as súas federacións, destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, que este ano achegará un total de 180.000 euros.
Publicado por o día 14/01/2018 na sección de Colectivos Feministas,Social

Subvención destinada a Asociacións de mulleres e federacións de mulleres constituídas por estas, sen ánimo de lucro.

O Diario Oficial de Galicia publicaba este luns a convocatoria para o 2018 das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e as súas federacións, destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, que este ano achegará un total de 180.000 euros.

A Xunta considera necesario contribuír a impulsar e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o cal convoca axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións coa finalidade de promover, fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino como elemento clave para avanzar na igualdade real e efectiva por razón de xénero.


Nesta actuación establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social, información ou formación en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero, e aqueloutras dirixidas a potenciar e facilitar a mellora da calidade de vida e a participación das mulleres en todos os ámbitos.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e federacións de mulleres, sen ánimo de lucro, que estean domiciliadas en Galicia e teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social; entre outros requisitos.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas axudas abrirase mañá, martes, e finalizará o vindeiro 8 de febreiro. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta :https://sede.xunta.es.