Tellado: “O principal asesor sanitario do Goberno de Sánchez é Tezanos”

Di que o presidente do Executivo do PSOE traspasou a última barreira da decencia e da moral: poñer vidas en xogo para gañar votos en Cataluña
Publicado por o día 22/01/2021 na sección de Partido Popular,Política

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que o principal asesor sanitario do Goberno de Pedro Sánchez sexa o CIS de Tezanos pois, ademais de renunciar á xestión da pandemia deixando toda a responsabilidade nas mans das comunidades, está utilizando esta crise para favorecer os seus intereses políticos en Cataluña.

“Sánchez está sendo capaz de traspasar a última barreira da decencia e da moral: poñer vidas en xogo para gañar votos en Cataluña”, aseverou mentres afeaba que o Executivo socialista quita e dá competencias sanitarias ás comunidades en función dos seus intereses electorais, mesmo rexeitando anticipar o toque de queda porque pode alterar o día dos comicios cataláns.

Ademais, criticou a actitude do ministro de Sanidade, Salvador Illa, que delega as súas funcións para ir facer campaña e se nega a adoptar os cambios que piden os presidentes autonómicos para combater a pandemia por estar máis preocupado pola súa foto no cartel electoral.

“Por respecto a todos os galegos, estas actuacións deberían ter unha condena explícita tanto do PSdeG como do BNG”, manifestou engadindo que o Bloque, malia queixarse en roldas de prensa, permanece calado en todos os gobernos municipais e deputacións que comparte cos socialistas. “Non se pode permanecer calado ante a inmoralidade de Sánchez, que está poñendo os seus intereses políticos por riba da vida das persoas”, incidiu.

O COMPROMISO DE TODAS AS ADMINISTRACIÓNS

Por outra banda, o número dous do PPdeG insistiu na necesidade de que todas as administracións se impliquen directamente no apoio aos profesionais e ás empresas máis afectados por esta crise sanitaria. Nese senso, salientou que onte se anunciaba un segundo Plan de Rescate da Xunta para os autónomos e a hostalería, que se une ás axudas xa postas en marcha polo Goberno galego e que suman un apoio de máis de 140 millóns de euros en apenas 90 días.

“Pero esta cantidade podería ser moito maior se contáramos co compromiso de todas as administración galegas”, dixo facendo un chamamento a todos os concellos e deputacións de Galicia para crear un fondo de rescate conxunto baseado no denominado “Modelo Valencia”.

Mentres que o Bloque xa mostrou publicamente os seu apoio a esta iniciativa, o PSdeG amosou unha actitude contraditoria: o martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, declarouse totalmente a favor, o mércores o Grupo Socialista no Parlamento negouse a aceptar unha moción na que o Grupo Popular e o BNG propoñían este fondo e, o xoves, Gonzalo Caballero comparecía reclamando un gran pacto de país para apoiar á hostalaría.

Ante estas contradicións, pediu ao secretario xeral dos socialistas galegos máis seriedade nun momento tan difícil: “Que poña orde no seu partido e que se poñan de acordo para aceptar unha proposta que nace dos mesmos representantes da hostalería de Galicia. Que o PSdeG abandone a súa postura de confrontación total en medio desta grave crise sanitaria e económica e se unan a nós desde os concellos e deputacións nos que goberna para axudar aos hostaleiros e autónomos”.

ABANDONO DA COMARCA DE FERROL

Por outra parte, Tellado volveu denunciar o abandono consciente de Ferrolterra por parte do Goberno de España, que condena o seu futuro destruíndo milleiros de empregos mediante unha política enerxética errática e contraditoria, cunha total falta de planificación e proxección industrial e tomando decisións que están favorecendo a outras zonas de España en detrimento desa comarca.

“O mellor plan de industrialización para Ferrol sería botar a Sánchez da Moncloa despois de que o seu Goberno aboque ao peche a central das Pontes, non faga nada por evitar a fuxida de España de Siemens-Gamesa e abandone conscientemente o naval galego”.

Sobre isto, remarcou que, aínda por riba de que as políticas de Sánchez nin apoian o presente da industria galega nin deixan construír un futuro sustentable, o secretario xeral do PSdeG visite esta comarca para falar da necesidade dun plan de industrialización. “Que o PSOE vaia a Ferrol a falar de industria é como que os seus socios de Bildu dean leccións de dereitos humanos”, destacou.

Así mesmo, confirmou que os populares apoiarán dende todas as institucións e foros a necesidade de futuro para esta zona, demandando carga de traballo inmediata para os estaleiros da Ría de Ferrol, que Siemems-Gamesa continúe fabricando pas para todo o mundo dende As Somozas e que a central térmica das Pontes siga funcionando igual que as de Francia e Alemaña ata o ano 2030 ou 2035. Do mesmo xeito, anunciou o apoio do PPdeG á folga comarcal do 25 de febreiro convocada polos axentes sociais de Ferrolterra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.