Todo listo para a presentación este martes no Teatro Rialto en Madrid do destino “Pontevedra Provincia”

“Somos Historias”, a nova campaña de promoción turística de Rías Baixas, tamén chegará este ano a Barcelona, Lisboa, Porto e outros puntos da xeografía nacional e internacional
Publicado por o día 19/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Todo listo para a presentación este martes no Teatro Rialto en Madrid do destino “Pontevedra Provincia”

A Deputación de Pontevedra presentará este martes no Teatro Rialto de Madrid (Gran Vía, 54) ás 19.30 horas a nova campaña de promoción turística do destino “Pontevedra Provincia” ante un público integrado por turoperadores, medios de comunicación xeneralistas e especializados, bloggers, instagramers, influencers e público final. O evento, no que se dará cita tamén o sector turístico público e privado da provincia, estará conducido pola presidenta provincial Carmela Silva e o xornalista pontevedrés Xabier Fortes.

Durante o evento darase a coñecer a nova campaña de promoción turística de Pontevedra Provincia que, este ano, chegará, ademais de a Madrid, ata Barcelona, Lisboa, Porto e outros puntos da xeografía nacional e internacional. Este ano a Deputación escolleu como eixo promocional o patrimonio da provincia baixo o lema “Somos historias“. Deste xeito, e co fío condutor da activista e columnista María Vinyals, o patrimonio fortificado, representado por torres e castelos; ata o arqueolóxico, cos xacementos como abandeirados; o paisaxístico, dando a coñecer xardíns e miradoiros; o patrimonio literario, amosando unha provincia inspiradora de escritoras e escritores; o relixioso e espiritual, representado polos mosteiros, cemiterios singulares e a catedral de Tui; o inmaterial, con mitos, lendas e tradicións como embaixadores da provincia; o patrimonio natural, a través das nosas especies senlleiras, aves e espazos naturais; e o patrimonio etnográfico e cultural, representado polos museos, entre outras cuestións, serán os protagonistas da campaña que se presentará no teatro madrileño.

Na presentación do destino, ademais da condución de Xabier Fortes, actuará a cantante e compositora Najla Shami.  Tamén se presentarán audiovisuais, haberá representacións e espazo para a degustación gastronómica dos produtos máis sobranceiros da provincia.